Dous novos roteiros únense á oferta turística de Pontevedra. Con motivo da celebración este mes de febreiro do Día de San Valentín, o Concello puxo en marcha dúas edicións moi especiais de Cunca e Nécora: unha estará dedicada a persoas que estean namoradas "aínda que non estean en parella" e, por outro, a persoas que gocen da súa soltería.
Cunca e Nécora ofrece rutas polo centro histórico que conxugan cultura e gastronomía. Na actividade, de dúas horas de duración, ademais de coñecer a historia da cidade fanse varias paradas para degustar o mellor da nosa terra, gastronómica e enoloxicamente falando.
A ampliación destes roteiros, xunto coas novas actividades e visitas guiadas, comparten o obxectivo de contribuír a "desestacionalizar" o turismo en Pontevedra, ao celebrarse estas dúas citas en febreiro e adiantar o resto, que tradicionalmente comezaban no verán, a marzo.
Na cita que se celebrará o 14 de febreiro, Cunca e Nécora Namorados, o público serán parellas que queiran compartir este día tan especial. Os locais estarán acondicionados para a ocasión e haberá un detalle para os presentes.
O día 17 será o reservado para os solteiros, homes e mulleres que queiran coñecer persoas do seu mesmo sexo ou do contrario como punto de partida para unha amizade ou o que xurda. Neste caso, esta ruta terá un formato de xincana e cada parada esixirá pasar unha pequena proba para obter a degustación.
En ambos os casos, a ruta estará baseada en historias recompiladas de diferentes pontevedreses sobre como eran as súas citas, que adoitaban facer ou que lugares visitaban. Falaranse tamén dos amoríos dos personaxes ilustres, as súas cartas e textos de amor. E todo iso, regado con tres paradas de degustación de produtos da terra. Sairán da Peregrina, ás 20.00 horas.
Ademais, o tradicional Cunca e Nécora, tanto na súa versión diúrna como nocturna, amplíase con novas citas. Celebraranse os días 18 de marzo , 5 de xullo e 2 de agosto, con respecto ás primeiras; e os días 12 de xullo, 29 de agosto e 30 de setembro, as rutas de noite.
Pola súa banda, tamén se organizarán minipaseos para un público infantil os días 18 de marzo, 4 de xullo e 3 e 30 de agosto. Trátase dunha actividade pensada para o público familiar que ten como obxectivo coñecer a cidade a través do teatro, dos personaxes máis emblemáticos da nosa cidade, dos disfraces e mesmo da música.
Todos terán un prezo de 12 euros por persoa, salvo os minipaseos que custará 4 euros para os menores de idade e 6 euros para os adultos.
Estas actividades agruparanse ademais baixo unha nova marca, Pontevedra a pé, que identificará todos os roteiros e visitas temáticas que se fagan en Pontevedra.