"Cumprimento exemplar" da cidadanía do plan de tráfico de Combarro

Poio
21 de abril 2022

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), destaca o bo funcionamento das 30 prazas para residentes que se habilitaron temporalmente en Rúa Maceira e Baixada á Chousa, nas que non se rexistraron incumprimentos

Rúa Maceiras, en Combarro
Rúa Maceiras, en Combarro / Concello de Poio

A concelleira de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, salienta o bo funcionamento do operativo deseñado en Combarro polo departamento municipal, con motivo das datas festivas de Semana Santa, e que incluía a dotación de prazas de estacionamento para residentes do centro nas rúas Maceira e Baixada á Chousa. 

Segundo constata a edil do Goberno local, a cidadanía deu cumprimento a esta medida "de xeito exemplar", como reflicte o feito de que non foi preciso tramitar ningunha sanción polo uso indebido destes 30 aparcadoiros, que tiñan unha duración máxima de 24 horas para garantir o seu carácter rotatorio e acadar un maior aproveitamento.

Caldas destaca tamén a implicación da veciñanza á hora de asesorarse, xa que foron varios os veciños que se puxeron en contacto coa Policía Local para resolver dúbidas. O plan de tráfico tamén serviu para controlar a circulación, que, tal e como se agardaba, incrementouse de xeito exponencial ao seu paso polas inmediacións do casco histórico, na PO-308. 

"Detectamos niveis de tránsito superiores aos anos previos á pandemia da COVID-19, especialmente durante o Venres Santo e o sábado", explicou a responsable de Seguridade Cidadá, que incide en que houbo retencións puntais. Unha das incidencias que provocou este tipo de situacións foi un accidente rexistrado durante a fin de semana.

"Continuamos a traballar para dotar de máis espazos de aparcamento á contorna do núcleo de Combarro", recalcou Caldas Moreira, que lembra que o Concello está actualmente a tramitar a adquisición de novas parcelas para aparcadoiros disuasorios. 

Marga Caldas tamén salienta o bo funcionamento das paradas habilitadas na PO-308 para autobuses, cunha estancia máxima de 15 minutos, e da área de autocaravanas situada na Seca, onde se habilitou a explanada de billarda para aumentar a súa capacidade, tal e como xa se vén facendo desde hai algúns anos na tempada estival.