Cumio en Santiago para definir os accesos ao futuro aparcamento de Montecelo

Pontevedra
15 de abril 2025

A Xunta quere que a avenida de Montecelo, que transcorre entre o actual edificio hospitalario e o futuro estacionamento, pase a ser municipal. O Concello asegura que "haberá que estudalo"

Infografía do proxecto de aparcadoiro para o Hospital Montecelo
Infografía do proxecto de aparcadoiro para o Hospital Montecelo / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia quere redefinir os viais de acceso ao futuro aparcamento de Montecelo e o mantemento da avenida principal que, inicialmente, ía ser de uso interno do hospital.

Agora, segundo informou o edil responsable das áreas de mobilidade e infraestruturas, César Mosquera, a administración autonómica quere que a avenida de Montecelo, que transcorre entre o actual edificio hospitalario e o futuro estacionamento, pase a ser municipal.

O mesmo trámite é o pensado para un pequeno tramo de acceso ao estacionamento, na baixada cara o CIFP Carlos Oroza, cuxas entradas e saídas semellan ser "algo problemáticas", explicou Mosquera, tal e como figuran no proxecto actual.

Así se avanzou nunha xuntanza celebrada en Santiago entre ambas partes, derivada da comisión de seguimento do convenio do hospital Montecelo.

Na actualidade un dos viarios que dará acceso ao aparcadoiro non é público, polo que será necesario, case seguro, modificar o proxecto sectorial ao igual que coa primeira das peticións, a cesión da avenida principal ao Concello.

"Haberá que estudalo", explicou Mosquera sobre a petición da Xunta, xa que prevé certos problemas de circulación tal e como está agora mesmo o proxecto nesta zona.

De aí que o Concello solicite revisar os detalles desta intervención e "mirar con calma para ver como queda todo isto", ao entender que "o que non podemos facer é darlle agora unha solución rápida e logo que quede mal volver facer obras e levantar todo".

O goberno municipal pediu unha proposta de solución para poder valorar e asumir estas peticións e "ver como o podemos deixar", sen descartar reducir os carrís de circulación na zona ou mesmo facer peonil parte da avenida principal.