Cultura escava as cistas de Punta Riasón

O Salnés
10 de outubro 2017

A actuación, na que se documentan de xeito integral tres estruturas, conta cun orzamento de 15.000 euros

Limpeza da Laxe das Cruces e do Nabal de Martiño
Limpeza da Laxe das Cruces e do Nabal de Martiño /

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural adxudicou a escavación arqueolóxica das cistas de Punta Riasón, no concello da Illa de Arousa, por un valor de 15.028,20 euros. Os traballos comezaron este luns e terán unha duración de 10 días.

A actuación comprende a escavación arqueolóxica integral dos tres enterramentos que se coñecen e a realización de sondaxes no espazo intermareal, para avaliar a posible presenza de materiais ou outras estruturas arqueolóxicas.

Así mesmo, realizarase unha prospección superficial intensiva, con limpeza e documentación de perfís e recollida de material arqueolóxico en superficie na liña de costa contigua ao xacemento arqueolóxico, nunha extensión mínima de 600 metros lineais. Ademais, faranse traballos de divulgación na comunidade local. Mediante esta actuación procurarase recuperar toda a información arqueolóxica posible das tres cistas que se coñecen no xacemento arqueolóxico.

O xacemento arqueolóxico de Punta Riasón sitúase na liña de costa, en plena zona intermareal e documentouse por primeira vez no ano 2005. Polo que sabemos até o momento consiste nunha necrópole de cistas, caixas funerarias formadas con pedras, de cronoloxía indeterminada, probablemente do Calcolítico ou da Idade do Bronce. Coñécense unicamente tres destas cistas, que a acción de lavado do mar na liña costeira deixou á vista.

PONTE CALDELAS

As labores de limpeza da Laxe das Cruces e do Nabal de Martiño, os dous petróglifos máis significados da área arqueolóxica de Tourón, por parte do servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio, é unha nova moi celebrada no goberno local de Ponte Caldelas, que levaba dous anos solicitando esta actuación urxente.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou este martes os traballos acompañado do técnico do servizo de Arqueoloxía, Manuel Rey. Ámbolos dous conversaron sobre os traballos que está a realizar a empresa Citania, que conclúen estes días e que permitiron, por fin, retirar os liques da superficie, así como os depósitos de terra das escorrentías.