Cultura consegue adxudicar a rehabilitación da basílica de Santa María que poñerá fin á mala conservación da súa fachada

Pontevedra
05 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A Consellería de Cultura seleccionou unha oferta duns 500.000 euros da empresa Rehabilita para executar a rehabilitación da Real Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra

 Fachada da Basílica de Santa María chea de malas herbas
Fachada da Basílica de Santa María chea de malas herbas / PontevedraViva

A Consellería de Cultura seleccionou unha oferta duns 500.000 euros da empresa Rehabilita para executar a rehabilitación da Real Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra. 

O pasado mes de xaneiro a Xunta de Galicia volvía licitar de novo a restauración da fachada principal, cubertas e cresterías superiores da basílica tras quedar deserto o primeiro intento de licitación porque nin a primeira adxudicataria (Rehabita) nin a súa substituta (Construcións Abal) presentaron a documentación requirida para poder levar a cabo a restauración.

Entón o goberno autonómico aumentou o orzamento da obra e finalmente concede a obra para Rehabilita, que tamén é a mesma empresa que traballa desde fai catro meses na restauración da igrexa parroquial de Salcedo.

As obras renovarán a cuberta da ábsida e da vertente anexa á nave sur con placas de fibrocemento e tella cerámica, á vez que substituirán os sistemas de evacuación de choiva. 

Ademais, substituirase a estrutura de soporte da cuberta e realizarase unha reforma da fachada que inclúe a limpeza da pedra e o tratamento da mesma para evitar a aparición de vexetación que a acabe danando.

En canto á fachada occidental de Cornelius de Holanda, esta dotarase dun sistema de protección que minimice a presenza de aves que poidan afectar á súa conservación.

O mal estado de conservación que presenta esta fachada xerou numerosas críticas, entre outras, a Asociación Para a Defensa do Patrimonio Galego expresou o seu malestar polo incumprimento das leis na conservación deste ben, que goza de máxima protección patrimonial.