Cultura acomete traballos de mantemento na área arqueolóxica de Tourón

Ponte Caldelas
05 de outubro 2017

Este mércores comezou esta actuación, que conta cun orzamento de máis de 10.000 euros e un prazo de execución de dúas semanas

Área arqueolóxica de Tourón
Área arqueolóxica de Tourón / PontevedraViva

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural promove a realización de diferentes traballos de mantemento preventivo nun dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia, a área arqueolóxica de Tourón, no concello de Ponte Caldelas.

Con esta actuación búscase mellorar o estado de conservación e o funcionamento operativo deste enclave patrimonial. A actuación comezou o mércores, ten un prazo de execución de dúas semanas e conta cun investimento de 10.478,60 euros.

Os labores de mantemento preventivo consistirán na limpeza dos soportes pétreos nos que están esculpidos os petróglifos de Laxe das Cruces e Nabal de Martiño e na execución de drenaxes para evitar o escorregar da auga sobre eles e minimizar o deterioro das figuras gravadas.

Así mesmo, tamén se procederá á roza manual da vexetación da contorna máis inmediata destas estacións e á reparación puntual dalgúns tramos de pasarela deteriorados na estación de Coto da Siribela.

A actuación da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural realizarase cun equipo técnico integrado por arqueólogos e restauradores e co apoio do persoal técnico do propio centro arqueolóxico de Tourón.

Arquivado en