O colectivo A Nova Terra alertou do "estado de abandono" no que se atopa o carballo de Santa Margarida, en Mourente, e culpa diso a Arquidiócese de Santiago de Compostela, "como propietaria do recinto", e ás administracións con competencia sobre o patrimonio natural, Xunta e Concello de Pontevedra porque "consintenlle a desfeita á Igrexa".
A situación do carballo foi posta en coñecemento, ante o Concello, a Xunta, os ministerios de Medio Ambiente e Cultura, a Axencia Europea de Medio Ambiente, o Defensor do Pobo e a Valedora do Pobo.
O Defensor do Pobo "dalle un tirón de orellas" ao Ministerio de Cultura en relación co rexeitamento para tramitar a denuncia da Nova Terra "por ir escrita en idioma galego" e sinala a "conduta incorrecta" por parte da Subdirección Xeral de Patrimonio Histórico.
Pola súa banda, a Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa e recentemente informou a este colectivo das contestacións recibidas do Concello de Pontevedra e da Consellería de Medio Ambiente.
Tanto o Concello como a Consellería deixan claro que o terreo e a responsabilidade de coidado do carballo é da Arquidiócese de Santiago de Compostela. Neste sentido para A Nova Terra "non se entende como as administracións competentes consintenlle a desfeita á Igrexa" e que o Concello de Pontevedra anunciase un investimento de 240.000 euros "o que suporía o desvio de fondos públicos para actuacións que lle correspondería financiar á Igrexa".
Ademais critican que o goberno local "non fai capaz de adoptar ningunha medida preventiva, como a de prohibición de aparcamento de vehiculos no recinto do carballo nin de obrigar o propietario a coidalo".