Cubela xa pensa na reforma da Casa do Pobo de Corredoira despois de asinar a súa compra

Cerdedo-Cotobade
26 de novembro 2019

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de pechar a compra por parte do Concello da Casa do Pobo de Corredoira tras a sinatura da escritura pública de compravenda co Estado -titular do inmoble dende que lle fora incautada aos veciños polo réxime franquista- nun acto que tivo lugar no Ministerio de Traballo, en Madrid

Sinatura da compra da Casa do Pobo de Corredoira
Sinatura da compra da Casa do Pobo de Corredoira / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de pechar a compra por parte do Concello da Casa do Pobo de Corredoira tras a sinatura da escritura pública de compravenda co Estado -titular do inmoble dende que lle fora incautada aos veciños polo réxime franquista- nun acto que tivo lugar no Ministerio de Traballo, en Madrid.

O acordo, que xa quedara verbalizado a comezos de outubro e fora refrendado polo pleno de Cerdedo-Cotobade a finais dese mesmo mes, foi asinado polo propio rexedor local e o subsecretario xeral de Traballo, Raúl Riesco Roche.

Deste xeito, o Concello vén de pagar 25.199 euros por este inmoble, que foi a cantidade determinada pola tasación pericial da Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio, e xa pode actuar no edificio que, segundo se comprometeu Cubela cos veciños, vai ser obxecto dunha profunda rehabilitación antes de ser cedido á parroquia para que poida desenvolver as súas actividades veciñais, sociais e culturais.

Esta operación, que vai ser sufragada con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dilatouse durante algo máis de dous anos, xa que había fortes diferenzas entre a oferta municipal de 14.000 euros e as altas pretensións económicas do Estado para a enaxenación do inmoble, xa que pedía 36.000, pero finalmente saíu adiante tras decidirse por unha cifra intermedia entre ambas partes apoiada polo citado peritaxe.

Cubela cualificou a xornada de "día histórico" para os veciños e a parroquia de Corredoira, xa que "conseguimos devolverlle, do único xeito que se podía, un edificio que lles incautou inxustamente o franquismo".

Agora, comezarase coa tramitación administrativa para afrontar, xa no vindeiro ano, unha completa rehabilitación cunha partida de 70.000 euros en base ao anteproxecto xa presentado aos veciños e posteriormente cederáselle o seu uso.