Cubela, tras gañar en todas as mesas de Cerdedo-Cotobade: "Es un espaldarazo"

Cerdedo-Cotobade
27 de maio 2019

O PP logrou un amplo respaldo que oscilou entre o 51% dos votos en Carballedo e o 79% de San Xurxo. O primeiro alcalde do municipio fusionado considera que supón o respaldo veciñal a "todas las decisiones que hemos tomado, al gran proyecto que construimos estos tres años" desde que se uniron os dous municipios

Jorge Cubela, votando durante as eleccións municipais deste 26 de maio
Jorge Cubela, votando durante as eleccións municipais deste 26 de maio / Concello de Cerdedo-Cotobade

O PP foi este domingo o partido máis votado en todos os colexios electorais de Cerdedo-Cotobade cun amplo respaldo que oscilou entre o 51% dos votos logrados en Carballedo e o 79% de San Xurxo. A vitoria abafadora non se pode interpretar sen ter en conta o proceso de fusión que culminou en 2016 entre os antigos concellos de Cerdedo e Cotobade, en tanto que supón un respaldo sen fisuras ao partido que a impulsou e levou a cabo. 

O actual presidente da xunta xestora e ex alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, converterase no primeiro alcalde do novo municipio, que nestas eleccións locais era o máis novo dos concellos galegos. Este luns, unha vez analizados os resultados, mostrouse "muy agradecido" a todos os veciños que os apoiaron. 

"Entiendo que es un espaldarazo a todas las decisiones que hemos tomado, al gran proyecto que construimos estos tres años", valora Cubela, que cre que os veciños "hablaron alto y claro", pois podían mandarlles á oposición ou darlle unha maioría máis xusta, pero déronlle un 64,72% dos votos totais do municipio. 

O PP xa gañara as municipais de Cerdedo e Cotobade por separado fai catro anos e, antes do proceso de fusión, tiñan dous alcaldes 'populares', José Balseiros e Jorge Cubela. Agora, esas vitorias confírmanse e, no caso dos votantes do antigo municipio de Cotobade, o apoio mesmo crece un 10%

Na xunta xestora que gobernou Cerdedo-Cotobade desde a fusión había 20 concelleiros, dos que 14 eran do PP e 6 do PSOE, como resultado da suma dos edís dos municipios previos. O resultado da fusión deixou a Corporación con tan só 13 actas, das que 9 foron a parar ao PP -tiñan 14-, tres ao PSOE -tiña 6- e unha ao BNG. Os nacionalistas non tiñan representación ata agora e lográrona este 26M.

A alegría do PP é maior, segundo Cubela, á vista de "lo difícil que se le están poniendo las cosas al partido" no resto de España, por iso é polo que agradeza a confianza aos veciños que lles apoiaron e tamén ao presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, que sempre lle deu o seu apoio. 

Cubela considera que os veciños premiaron con estes resultados"la seriedad, el trabajo, la humildad, la cercanía" e que tanto el como o seu equipo estean "las 24 horas y permanentemente, no solo en campaña electoral", pois durante o últimos catro anos e os catro anteriores nos que el gobernou en Cotobade. 

De fronte ao que será xa o seu terceiro mandato como alcalde, Jorge Cubela explica que o afronta "con humildad y con muchas ganas". Promete que seguirá "trabajando mucho, atendiendo, mucho, sirviendo mucho".