O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, replicou este sábado ao seu homólogo de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que “deixe de buscar protagonismo” a conta do proxecto de fusión municipal entre Cotobade e Cerdedo, porque asegurou que “xa cansa que un rexedor que non pinta absolutamente nada nesta historia leve catro ou cinco días con este proxecto e cos veciños de Cotobade na boca”.
Ademais, Cubela cre que Díaz descoñece por completo este tipo de procesos cando reclama á Xunta que lidere, neste momento, a reorganización territorial de Galicia. “Non sabe como se artellan estes proxectos, xa que se a Xunta, ou calquera outra administración superior, di que concellos son os que se teñen que unir trataríase dunha imposición, con moi mala cabida na sociedade, e non falaríamos de fusións voluntarias, que son as que se están tratando de levar a cabo neste momento”, sinalou.
Tamén ironizou co feito de que reclame estudos técnicos e a aplicación de criterios de aforro e prestación de servizos: “Non sei como rexe o seu concello nos dez meses que leva no cargo, pero en Cotobade non soemos facer as cousas en servilletas de papel con ocorrencias de taberna”.
Cubela tamén comentou, ante as verbas de Díaz de que ao mellor teñen que estudar unha fusión con A Lama ou a alternativa de Cotobade, que aforre o tempo coas terras do Canón de Pau, “porque nós xa temos o noso propio proceso en marcha”.
En todo caso, cre que Díaz só fala por coller protagonismo e saír nos medios, pero pediulle que “non teña medo” e aborde un proceso de fusión se considera que é o mellor para o seu municipio, aínda que advertíulle, en tono irónico, que “vaino ter difícil porque a Deputación está completamente en contra destes procesos, pero creo que o seu carné socialista pode axudarlle a que lle abran as portas”.
Por último, o alcalde non entende como Díaz sostén que se están a tomar decisións de constituír macroconcellos que deixarán illado a Ponte Caldelas ao marxe dos seus veciños. “Creo que non sabe nin o que di porque non se van formar concellos grandes, senón sostibles e que garantan os servizos, e Ponte Caldelas non vai quedar illado de nada agás que a súa xestión faga que sexa así, pero creo que os seus veciños están escachando coa risa por defendelos dun problema que eles non ven, porque aos caldeláns non me consta que lles quite o soño a fusión de Cerdedo e Cotobade”, explicou, antes de reclamarlle que non se meta na xestión doutros concellos e que se centre na súa, “que aínda lle queda moito por facer, xa que en dez meses só conseguíu que Protección Civil de A Lama e Fornelos deixase de contar con Ponte Caldelas”.