Cubela recolle firmas de cesión de terreos para que a Deputación acometa "de inmediato" as obras en Fondós-Bugarín

Cerdedo-Cotobade
20 de maio 2022

"Unha vez rematado este proceso, agardamos que o ente provincial acometa as obras canto antes e se dea por finalizado este proceso que xa se alonga demasiado no tempo", explicou Jorge Cubela

Recollida de sinaturas para a concesión dos terreos para mellorar a estrada Fondós-Bugarín
Recollida de sinaturas para a concesión dos terreos para mellorar a estrada Fondós-Bugarín

O Concello de Cerdedo-Cotobade realizou entre a veciñanza unha recollida de sinaturas das cesións necesarias co fin de axilizar o expediente para executar a obra de mellora da estrada entre Fondós e Bugarín.

O alcalde, Jorge Cubela, agradeceulles a súa colaboración para a cesión de terreos en 71 fincas e anunciou que as sinaturas serán trasladadas "de inmediato" á Deputación para que ensanche e mellore este tramo de un quilómetro.

"Unha vez rematado este proceso, agardamos que o ente provincial acometa as obras canto antes e se dea por finalizado este proceso que xa se alonga demasiado no tempo", explicou.

Este tramo de estrada ten 4 metros de ancho pero agora, despois de chegar a un consenso entre a veciñanza, pasará a ter unha amplitude de 7 metros.