O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, reclamou este mércores á Deputación de Pontevedra que "cese a súa actitude de bloqueo" da proposta da Xunta para a comarcalización dos parques de bombeiros de Pontevedra e Vigo.
Cubela destacou que se trata da medida "máis barata e máis inmediata" que existe para que os concellos da contorna da capital provincial teñan un servizo de emerxencias "rápido e eficaz".
O alcalde de Cerdedo-Cotobade criticou que a presidenta da administración provincial, Carmela Silva, "quedou soa neste asunto".
Cubela lembrou que a comarcalización é unha reivindicación compartida desde hai anos polos concellos da contorna de Pontevedra "con independencia da súa cor política" e citou a Poio e Ponte Caldelas, con alcaldes nacionalista e socialista, respectivamente, na actualidade.