Cubela e os veciños de Cuíña rexeitan os eólicos e trazarán estratexias contra eles

Cerdedo-Cotobade
08 de abril 2022

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado pola tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e a concelleira Belén Casado reuniuse este venres cos veciños de Cuíña, na parroquia de Quireza, para intercambiar información sobre os distintos proxectos eólicos que afectan a esta zona

Cubela reúnese cos veciños de Cuíña
Cubela reúnese cos veciños de Cuíña / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado pola tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e a concelleira Belén Casado reuniuse este venres cos veciños de Cuíña, na parroquia de Quireza, para intercambiar información sobre os distintos proxectos eólicos que afectan a esta zona.

Co obxectivo de establecer estratexias conxuntas para defender os intereses dos veciños e veciñas deste lugar, Cubela volveu reiterar a posición contraria do Concello a instalar os parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas e o dos Cotos e manifestou o seu apoio nas reivindicacións.

Cubela destacou que non queren que "ningunha empresa enerxética instale aeroxeradores nas inmediacións de Cuíña, entre elas unha que pretende establecer un muíño de vento a 522 metros das vivendas deste lugar" e lembrou que o Concello está posicionado en contra e xa presentou informes negativos en contra ante os organismos que tramitan estas solicitudes.

Ademais, informou dos pasos dados en contra dos proxectos eólicos de Porto Vidros, Campo das Rosas e, últimamente, dos Cotos e agradeceu o intercambio de información para manter unha unidade de acción e defensa dos intereses dos veciños e dos lugares do municipio afectados polos proxectos eólicos.

Por outra banda, os veciños asistentes confirmaron que unha das empresas enerxéticas responsables dun dos proxectos eólicos amosara interese en poñerse en contacto cos veciños e establecer vías de comunicación para explorar vías de acordo futuro.

Por último, Cubela agradeceu o intercambio de información e manifestou que "neste tema o Concello e eu mesmo me comprometo a ir da man dos veciños na defensa dos seus intereses e antepoñer o benestar e o ben común a calquera outro condicionante".

Arquivado en