Cubela anuncia a reforma dos parques infantís en Quireza e Vilarchán

Cerdedo-Cotobade
22 de novembro 2021

O alcalde mantivo un encontro con veciñanza de Quireza e anunciou a intención do equipo de goberno de pedir a mellora da estrada Fondós-Bugarín, solicitar unha axuda para cambiar a depuradora por un humidal artificial e mellorar a canalización de pluviais no lugar do Outeiro

Residentes de Quireza na xuntanza co alcalde
Residentes de Quireza na xuntanza co alcalde / Concello de Cerdedo-Cotobade

Representantes do goberno local de Cerdedo-Cotobade co alcalde Jorge Cubela á fronte mantiñan un encontro con máis de medio centenar de residentes en Quireza. Durante esta reunión, na que tamén participaban Lourdes  Ovelleiro, tenente de alcalde, e a concelleira Belén Casado, analizábanse as actuacións realizadas polo goberno local nesta parroquia.

O acto serviu para que Jorge Cubela anunciase o inmediato inicio da reforma integral dos parques infantís de Quireza e Vilarchán; ademais da canalización de augas pluviais en Outeiro, ata o lavadoiro do Campo. Tamén manifestou a intención do goberno municipal de reformar o local social coa idea de ampliar a instalación. Sinalou, por outra banda, que o parque infantil de Tres Aldeas atópase xa na súa fase final de reforma.

Ademais, o alcalde apuntou que se está xestionando a mellora do tramo da estrada provincial entre Fondós e Bugarín, unha vía de titularidade da Deputación de Pontevedra e que resulta de relevancia para a actividade da veciñanza.

Por outra banda, as persoas asistentes recibían información sobre os trámites que levan a cabo desde o Concello para solicitar unha subvención que permita cambiar a depuradora actual por un humidal de tipo artificial, ao entender desde o goberno de Cerdedo-Cotobade que será a mellor solución.

Por último, o rexedor lembrou a importancia de que a veciñanza se some ao Plan Municipal de Abastecemento de Auga Autónomo para xestionar as traídas de augas veciñais. Esta reunión, segundo Cubela, enmárcase na nova política de proximidade que está a desenvolver para que haxa participación cidadá nas actuacións do  Concello.