A plataforma veciñal que se opón á fusión entre Cotobade e Cerdedo foi impulsada polo PSOE para "rebentar" a fusión anunciada hai uns días. Así de contundente mostrouse o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, que acusou aos socialistas de moverse con "fins electorais" e de vivir "descolocados na esquizofrenia" ao lembrar que o seu partido a nivel nacional é favorable a este tipo de fusións.
Cubela lamentou que, en lugar de colaborar con este proceso, os socialistas de ambos os municipios "decidiron optar por buscar a división, a belixerancia e o malmeter" fronte a aqueles que apoian a unha fusión que pretende "dar máis forza a estes dous territorios".
Con respecto ás reunións veciñais que se están celebrando nos últimos días, o rexedor de Cotobade sinalou que, tras o anuncio de fusión, o PSOE "reprochábanos que non informábamos os veciños e agora que estamos a facer un esforzo para chegar a todos a gran velocidade, din que temos algo que ocultar", polo que entende que esta postura é "falar por falar".
Jorge Cubela asegura que "centos de cotobadeses" e representantes de todos os colectivos do municipio están a asistir a estas reunións e participan "activamente" neste proceso realizando achegas e suxestións, polo que avanzou que a pesar da oposición do PSOE "imos seguir construíndo esta alternativa para ver se pode ser a base do futuro de Cotobade sen deixalo morrer".
Ademais, o alcalde quixo resolver as "dúbidas" dos socialistas sobre o mantemento de servizos como o Punto de Atención Continuada (PAC), os tres colexios ou o xulgado de paz, afirmando que se manterán todos eles e que, se a fusión frutifica "trataremos de ofrecer máis servizos públicos"; e afirma que "minten" cando aseguran que o proxecto non está determinado, xa que salvo dúas cuestións "todo está perfectamente cifrado e estimado".
"Encomiei a súa responsabilidade e lealdade co proxecto, pero foi unha pena que a altura de miras só lles durase apenas sete días. Aínda que soe duro, creo que Cotobade merece outra oposición, Cotobade merece algo máis", concluíu.