Cubela acusa de difamación ao PSOE e fala de "manipulación política" no conflito dos Parques Eólicos

Cerdedo-Cotobade
22 de xaneiro 2022

O alcalde de Cerdedo-Cotobade responde ás acusacións socialistas e entende que buscan crear división e debilitar o movemento contra o parque eólico dos Cotos. Insiste en que as alegacións contra ese proxecto están apoiadas polo informe negativo dos técnicos municipais e da empresa Tysgal

Jorge Cubela (PP) e José Antonio Pazos (PSOE)
Jorge Cubela (PP) e José Antonio Pazos (PSOE) / Concello de Cerdedo-Cotobade

"Difamación interesada" é a expresión que utiliza Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, para responder as acusacións da agrupación socialista ao cualificarlle de "cómplice" dos proxectos de parques eólicos na zona.

Cubela indica que o documento de alegacións do  Concello, asinado polos tres responsables dos grupos municipais na corporación, contra o proxecto do Parque Eólico dos Cotos, atópase apoiado polo informe negativo dos técnicos municipais e da empresa especializada en materia ambiental Tysgal.

O rexedor rexeita as acusacións do PSOE e fala dunha "manipulación continua" por parte desta agrupación co obxectivo de "crear división" e "debilitar" ao movemento contra o parque eólico. Considera, ademais, que desde as filas socialistas pretenden sacar un rendemento electoral para as eleccións municipais do próximo ano.

Jorge Cubela entende que o tema debería facer reflexionar aos distintos partidos, "aparcar as nosas diferenzas e unirnos" fronte a un "problema que nos afecta por igual, sen ideoloxías e sen politiqueos". O máximo representante municipal cre que estes enfrontamentos debilitarán a unidade de acción e poñerán en risco o que se conseguiu ata o momento.

"Non vou consentir que se siga manipulando e enganando á xente. Podemos dicilo máis alto, pero non máis claro: o goberno municipal pronúnciase en contra do Parque Eólico dos Cotos. Quen non o queira entender non é por ignorancia, é por mala fe", expón o alcalde.

A continuación, o mandatario lembra aos socialistas que a demanda de instalación de macroproxectos eólicos en Galicia, dunha forma esaxerada, ten "un único responsable" e acusa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o goberno de Pedro Sánchez. "Non nos chupamos o dedo. Daqueles polvos, estes lodos", conclúe Cubela na súa resposta ao PSOE.

Arquivado en