Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, respondeu ás críticas do BNG polo estado de abandono en que se atopan as piscinas públicas de Cabanelas, na parroquia de Viascón. O rexedor móstrase sorprendido con estas acusacións para sinalar que Ernesto Filgueira, portavoz municipal da formación nacionalista, é presidente da Comunidade de Montes de Viascón e "sabe que se están limpando periodicamente", afirma Cubela para expresar que esta acción realízase, polo menos, unha vez ao mes.
Pero, ademais, o alcalde arremete contra Filgueira sinalando que como presidente comunal "non se preocupa en conservar os bens veciñais e ten na ruína investimentos que superaron os 300.000 euros e que están en situación de abandono total". Pon como exemplo os carreiros de Viascón desde o cemiterio; o campo de fútbol con presenza de silvas; a Carballeira da Portela; os petróglifos cubertos de maleza na parroquia; e a falta de roza nas franxas de seguridade antiincendios.
Apunta tamén que a casa situada na Carballeira da Portela atópase totalmente esnaquizada e afirma que os petróglifos serán rescatados polo Concello con axuda da Xunta. "Mira a palla no ollo alleo en lugar da viga no propio", resume Cubela en referencia a Filgueira a quen lle pide un "exame de conciencia" antes de realizar críticas ao Concello.
Asegura que este ano se executaron obras de consolidación na contorna das piscinas de Cabanelas con achega de area, labores de mantemento e anunciou que se instalarán parrilas nos asadores, ademais de repetir actuacións de limpeza na zona coincidindo coas festas parroquiais.
RESPOSTA DE ERNESTO FILGUEIRA
Para Ernesto Filgueira resulta "sorprendente que Cubela utilice os destrozos vandálicos da caseta da Carballeira da Portela ou aos comuneiros da parroquia como parapeto para xustificar o abandono no que mantén á parroquia de Viascón".
O representante nacionalista pide ao rexedor "que explique a ausencia de investimentos de carácter estrutural que supuxeran a modernización e avance da parroquia nos últimos anos". O BNG explica que está a desenvolver unha campaña de impacto entre a veciñanza da parroquia presentando o seu proxecto de futuro para Viascón.