O voceiro do goberno local, Raimundo González, informou este luns que a UTE Sercoysa-Ogensa-Atlántica, construtora da ponte das Correntes volveu reclamar entre 1,8 e 2 millóns de euros, unha demanda que non dubidou en cualificar como unha "extorsión".
A ponte das Correntes tivo un presuposto de 7,2 millóns de euros cofinanciados entre o Concello e a Xunta. Tras iniciarse as obras, permaneceu parado nove meses debido á falta dun permiso de Costas.
A xunta de goberno abordou unha nova petición desta UTE que "volve á carga" cunha reclamación "moi similar" á que formulou no ano 2011 "é un tema vello", afirmou.
"Evidentemente o Concello se vai defender con uñas e dentes neste tema porque non admitimos ningún tipo de extorsión"
"Isto non é nin máis nin menos que unha extorsión por parte da UTE de intentar sacar máis diñeiro ao Concello", declarou Raimundo González. "Evidentemente o Concello se vai defender con uñas e dentes neste tema porque non admitimos ningún tipo de extorsión", engadiu.
Segundo recordou o voceiro do goberno local este conflito orixinouse en febreiro de 2011 ao esixir a unión temporal de empresas formada por Sercoysa-Ogensa-Atlántica un sobrecoste de 1,8 millóns de euros "pola paralización, intereses de demora, dirección técnica, etc, cantidade de cousas", dixo. O preito pechouse dous días antes das eleccións ao aprobar a comisión de goberno un proxecto reformado.
Naquel momento o Concello negouse a asumir o sobrecoste e só deu luz verde a unha suba duns 200.000 euros a conta do cambio duns farois e do aumento do IVE do 16 ao 18%, "coa aceptación dun reformado a custo cero" para reducir o radio da glorieta de saída da ponte na avenida de Domingo Fontán e cambiar a situación do paso subterráneo de peóns.
Nesta ocasión, segundo avanzou Raimundo González, o goberno local reitera que a UTE redactou proxecto e obra, e que foi advertida antes de asinar o contrato de que non se admitirían sobrecostes. Sobre "a suposta obra a maiores" que alega esta UTE, encabezada por Sercoysa, di o concelleiro que "nin siquera se pode comprobar porque está baixo a agua".
Raimundo González leu un apartado do informe elaborado polo secretario do Pleno, que fai funcións de asesoría xurídica, "finalmente semella como se a UTE intentase conseguir custe o que custe unha cantidade extra pola execución da obra, talvez ás súas previsións de ingresos derivados da súa oferta non foron ás correctas no que entra de cheo no seu risco e ventura, ou talvez se intente obter a maiores dos inicialmente contemplados, o que dende logo carecería da máis mínima xustificación. En todo caso isto suporía unha fraude a licitación dado que gañou o contrato sobre a base de oferta que presentou".