Un acto oficial no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, centrado no estudo da Castaña, converteuse unha vez rematado no lugar dun choque dialéctico entre o secretario xeral de CIG-Mar, Xabier Aboi, e a conselleira encargada das competencias en pesca, Rosa Quintana.
Aboi, acompañado de tripulantes dos barcos cefalopoderos do caladoiro mauritano, mantivo unha tensa conversación na que reprocharon a Xunta e Goberno de incumprir un compromiso polo cal ían convocar a unha reunión a todo o sector, "alguén nos engañou, non sei se foron os armadores pero os tripulantes tamén somos o sector e nós non fumos", unha acusación rebatida pola conselleira, " a min me dixeron que houbo esa reunión".
Nuns días en que o Parlamento Europeo debate en comisión o futuro do sector, Rosa Quintana pediu paciencia aos afectados, "na comisión mixta púxose na orde do día a petición de España a necesidade de convocar o comité científico para discutir o estado real dos cefalópodos, cando teñamos datos volos pasarei".
Quintana, en declaracións previas, defendeu a presión que asegura están exercendo para tumbar o novo acordo pesqueiro con Mauritania, "estamos a exercer presión ao máis alto nivel. Entendemos que foi un mal acordo, demasiado custoso para a Unión Europea".