Cruz Vermella leva atendidas máis de 6.600 persoas na comarca de Pontevedra debido á crise económica

Pontevedra
13 de novembro 2020

A ONG activa a segunda fase do Plan Responde para axudar as persoas máis vulnerables ante a pandemia. Nesta ocasión centrará os seus esforzos no acceso ao emprego e a romper a fenda dixital para que as persoas con máis necesidades poidan facer fronte ao impacto social e económico que está a provocar a pandemia

Voluntaria da Cruz Vermella
Voluntaria da Cruz Vermella / Cruz Roja

Cruz Vermella Pontevedra puxo en marcha a segunda fase do Plan Responde para mitigar os efectos socioeconómicos que produce a covid-19. Segundo os datos que achega a organización, desde o inicio da pandemia atendéronse a 6.684 persoas na comarca de Pontevedra, na maior operación humanitaria desenvolvida pola ONG en relación a movemento de recursos, persoas e capacidades.

A Cruz Vermella tenta dar unha resposta integral para cubrir as necesidades básicas da poboación máis necesitada, con intervencións en emerxencias, inclusión social e apoio psicosocial.

Nesta segunda fase, a organización en Pontevedra vai aumentar os seus esforzos en terreos como o acceso ao mercado laboral e o apoio a menores en idade escolar coa intención de que poidan superar a fenda dixital e garantir o acceso á educación en caso de confinamento.

Na área de Inclusión Social, durante o últimos seis meses, a Cruz Vermella de Pontevedra atendeu a máis de 3.673 persoas, a través de 6.000 actuacións como a entrega de produtos alimentarios e de hixiene ou a entrega de axudas económicas para pagar gastos ou subministracións do fogar.

Ademais realizáronse chamadas para seguir a evolución de persoas durante o illamento e ofrecer acompañamento, ademais de asesorar para realizar trámites de solicitude de prestacións como o Ingreso Mínimo Vital.

Un total de 164 persoas, un 68% delas mulleres, participaron neste plan Cruz Vermella Responde como voluntarias. Unha tarefa que se adaptou á situación e que mesmo se pode realizar desde o domicilio achegando capacidades e coñecementos, segundo indican desde a dirección.

A través do Plan de Emprego atendéronse a máis de 290 persoas na comarca, con máis de 500 respostas de información, orientación laboral, seguimento telefónico e acompañamento no emprego ás persoas con máis dificultades para acceder ao mercado laboral.

Desde Cruz Vermella Mocidade está a traballarse tamén na eliminación da fenda dixital para menores que formen parte de ámbitos vulnerables. 409 familias da comarca recibiron material escolar con máis de 800 entregas para este novo curso e 86 familias obtiveron material tecnolóxico, con entrega de 10  tablets en réxime de préstamo e 76 tarxetas  SIM, para que, durante o confinamento, os escolares puidesen seguir as clases.

Tamén se atopa en marcha o proxecto de Promoción do éxito escolar que se desenvolve a distancia coa atención a 45 menores, ofrecéndolles recursos para evitar que queden atrás en materia educativa.