O cruceiro de San Amaro, reducido a cachizas

Pontevedra
24 de novembro 2024
Actualizado: 21:37

O forte vento que azoutou Pontevedra a pasada noite acabou tirando o histórico cruceiro, situado no adro da capela de San Amaro e que xa estaba bastante danado

O cruceiro de San Amaro, esnaquizado no chan
O cruceiro de San Amaro, esnaquizado no chan / Cristina Saiz

O do cruceiro de San Amaro era a crónica dunha morte anunciada. Tras sucesivos incidentes con vehículos que chocaron contra o monumento, este terminou esborrallando.

Esta vez non foi pola imprudencia dalgún condutor, senón pola forza da natureza.

O forte vento que azoutou Pontevedra a pasada noite acabou tirando o histórico cruceiro, situado no atrio da capela de San Mauro e que xa estaba bastante danado.

A estrutura partiu pola metade xusto por onde xa asomaran as gretas, deixando ancorada na súa base tan só unha parte do seu fuste.

Debido ao impacto contra o chan, tanto a cruz como as figura do santo e da virxe quedaron reducidas a cachizas.

O cruceiro de San Amaro, esnaquizado no chan
O cruceiro de San Amaro, esnaquizado no chanCristina Saiz

Veciños da zona alertaron á Policía Local e trasladan a PontevedraViva que esta situación "se vía vir", xa que o cruceiro levaba meses apontoado e estaba "cada vez peor".

Só este ano, este cruceiro do século XIX sufriu desfeitas tres veces e os residentes do barrio reclamaron sen éxito que se trasladara de sitio para evitar o que acabou pasando.

Desde o Concello explican que ese cruceiro non é propiedade municipal, senón da Igrexa.

Aseguran que, en diversas ocasións, o goberno municipal ofreceuse a acometer unha actuación para protexer o monumento, pero as autoridades eclesiásticas non accederon.

Nun dos últimos incidentes, o Concello ordenou apontoar o cruceiro por motivos de seguridade, para evitar que caese enriba de alguén.

Técnicos municipais volverán a poñerse en contacto co párroco para que proceda á retirada dos restos do cruceiro.