Un cruceiro feito en Poio para a comandancia naval do Miño

Poio
06 de abril 2025

O cruceiro é obra do profesorado e o alumnado do CIFP Cantería de Galicia, situado en Poio, e foi ideado nunha clase maxistral do escultor Francisco Castro

Cruceiro elaborado polo CIFP Cantería de Galicia para a comandancia naval do Miño
Cruceiro elaborado polo CIFP Cantería de Galicia para a comandancia naval do Miño / Xunta de Galicia

O recinto exterior da comandancia naval do Miño, en Tui, está presidido desde este domingo por un cruceiro elaborado no CIFP Cantería de Galicia.

A obra, instalada de xeito permanente, conta cunha altura de tres metros e cos elementos sen figuración típicos: pasos, dado, varal e cruz.

O cruceiro é obra do profesorado e o alumnado do centro de FP situado en Poio e foi ideado nunha clase maxistral do escultor Francisco Castro.

"Estamos ante unha combinación de talento e tradición que demostra o enorme nivel da FP galega", destacou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Rueda, que visitou esta comandancia naval coincidindo coa inauguración deste cruceiro, explicou que este elemento patrimonial forma parte do acordo de colaboración asinado en 2024 entre o CIFP de Cantería de Galicia e a comandancia naval do Miño.

Para o titular da Xunta, esta comandancia ten un "papel esencial" na seguridade, vixilancia e cooperación estratéxica entre Galicia e o norte de Portugal, especialmente na loita contra a pesca ilegal e a protección dos recursos naturais do río Miño.

Neste sentido, subliñou que a colaboración transfronteiriza entre as forzas de seguridade e os corpos de emerxencias de ambos países é un "exemplo de integración e entendemento", fortalecendo os lazos históricos e institucionais que unen Galicia e o norte de Portugal.