Croquetas 'made in Pontevedra', protagonistas dun cóctel no centro cultural de España en México

Pontevedra
27 de agosto 2017

De chocos na súa tinta e de mexillóns. Son as dúas variedades de croquetas que degustou o cento de persoas que asistiron ao cóctel que a delegación de Pontevedra serviu no Centro Cultural de España en México. Foi un evento que estivo precedido por unha conferencia do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre o modelo urbano pontevedrés

Arturo Navas coas croquetas servidas no cóctel de Pontevedra en México
Arturo Navas coas croquetas servidas no cóctel de Pontevedra en México / PontevedraViva

De chocos na súa tinta e de mexillóns. Son as dúas variedades de croquetas que degustou o centenar de persoas que asistiron ao cóctel que a delegación de Pontevedra serviu no Centro Cultural de España en México. Foi un evento que estivo precedido por unha conferencia do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre o modelo urbano pontevedrés.

O cóctel, que estivo supervisado polo cociñeiro Iñaki Bretal, non puido incluír produtos gastronómicos galegos, como se prevía inicialmente, ante as estritas políticas que en materia alimentaria rexen a aduana mexicana. Aínda así, a cociña das Rías Baixas contou cun digno representante: a compañía Yatecomeré.

Esta empresa, con sede en Ribadumia e profundamente vinculada coa Boa Vila, é unha das compañías que participan na misión comercial organizada polo Concello de Pontevedra a México e, para mostrar os seus produtos, optou por traer un cargamento de croquetas e servilos durante este cóctel, no que tamén se puideron degustar pratos da cociña mexicana.

Arturo Navas, representante de Yatecomeré, mostrouse moi satisfeito pola acollida que tiveron os seus produtos, elaborados artesanalmente utilizando produtos de alta calidade e sen ningún tipo de aditivos artificiais.

"A expedición está a ser un éxito e á empresa vai achegar a medio prazo oportunidades moi boas neste país", explica a PontevedraViva.

Yatecomeré aterrou no mercado mexicano hai tres anos e xa conta, na cidade de Celaya, cunha ligazón "coa que traballamos desde entón". Na feira Expopymes, na que participaron ata o pasado venres, "fixemos moi bos contactos e aprendemos moito sobre a exportación a México".

Este coñecemento, destacou Navas, é "fundamental" para poder coñecer como funciona o país no que esta empresa desexa incrementar o seu volume de negocio. Iso si, recoñece que "nos queda aínda moito por aprender" para mellorar o seu posicionamento en México.

Pero non só exportar a México os seus produtos está entre os plans desta compañía pontevedresa. A través de contactos con empresas "cunha filosofía parecida á nosa", Yatecomeré estudará a posibilidade de "levar a Europa produtos de México", de forma que poidan "pechar o círculo e aproveitar sinerxias".

Ao cóctel servido no Centro Cultural de España en México asistiu, xunto cos membros da expedición pontevedresa, o director deste organismo, Miguel Ustray, -que leva máis de trinta anos veraneando en San Vicente do Mar (O Grove).

Ademais, entre os invitados tamén se atopaban representantes de colectivos sociais de Cidade de México e numerosos galegos que actualmente residen e traballan na capital do país azteca.

Arquivado en