Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar.
Nesta ocasión, imos preparar unha sinxela receita ideal como aperitivo ou primeiro prato, e coa que imos aproveitar todos os beneficios da cabala, un dos peixes azuis máis apreciados pola súa graxa e a súa achega en Omega 3.
Para preparar unhas deliciosas Croquetas de pan con cabala Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 3 latas de Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar
- 2 ovos
- 300 g de pan do día anterior
- 1 cebola
- 50 g de allos tenros
- Perexil
- Sal
- Pementa
- Aceite para fritir
Preparación:
Cortamos fino a cebola, os allos tenros e o perexil.
Sacamos rebandas de pan que imos introducindo na picadora. Picamos e reservamos.
Nun bol aparte, poñemos o contido das latas de Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar, previamente escorrido e reservado o aceite. Agregamos a cebola, os allos tenros, os ovos e o perexil. Salpementamos e mesturamos.
A continuación, engadimos uns 100 g do pan triturado e volvemos a revolver ata que se incorporen ben todos os ingredientes. Rectificamos cun pouco do aceite das latas de cabala que reservaramos ata obter unha textura axeitada para formar as croquetas.
Formamos boliñas do tamaño que desexemos e ímolas pasando polo pan triturado que reservaramos.
Fritimos en abundante aceite ata que estean douradas. Sacámolas a un prato con papel absorbente.
Servimos nun prato, adornando cun pouco de perexil picado.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.