O Punto de Información Turística (PIT) do Concello de Cuntis vén de perder a Q de Calidade, desatando unha controversia entre o goberno local e a oposición.
O grupo municipal do PP, liderado pola voceira Isabel Couselo, critica duramente esta situación, mentres o alcalde socialista, Manuel Campos, defende a xestión do servizo.
Segundo o PP, a perda da Q de Calidade débese aos recortes e ao desmantelamento dos servizos públicos por parte do goberno local.
Couselo afirma que unha auditoría interna, moitvada pola adhesión á rede Info Rías Baixas e da correspondente inspección deste nivel de calidade, detectou incumprimentos achacables á mala xestión do executivo socialista.
Esta situación provocou a baixada de categoría do PIT. A edil popular lembra que o alcalde presumía desta distinción en xaneiro de 2022 durante os actos de Fitur, e agora "queda totalmente retratado".
Pola súa parte, o alcalde Manuel Campos nega rotundamente que a oficina vaia pechar.
Asegura que o servizo continuará prestándose durante os doce meses do ano, como vén facendo desde 2015, cando o actual goberno socialista o recuperou tras ser suprimido polo PP.
Campos destaca que esta é a única oficina da contorna que permanece aberta todo o ano e anuncia que o Concello presentará alegacións contra a perda do selo de calidade.
O rexedor cuntiense lamenta a actitude do PP de "facer política con recursos que funcionan e que son dos veciños e veciñas".
Ademais, cuestiona que só Cuntis e Nigrán, ambos concellos gobernados polo PSOE, perdesen o distintivo, mentres outras oficinas que "estaban pechadas e que só se abriron para que se realizase a inspección" o manteñen.
Mentres o PP alerta de posibles futuros recortes e desmantelamentos de servizos públicos municipais debido á situación económica do Concello, o goberno local reafirma o seu compromiso co PIT e garante a súa continuidade, "con ‘Q’ de Calidade ou sen ela".