Críticas do PP ao plan de mobilidade urbana por esquecer as bicicletas, o transporte público e medidas inclusivas

Pontevedra
01 de setembro 2022

Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, anunciou que a súa formación presentou alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) do goberno local. Amosa a súa preocupación porque o documento se centra en establecer medidas de evaporación do tráfico, cortes de rúas, establecimiento de bucles na circulación e redución da velocidade a 10 km/h. Pídelle ao alcalde Fernández Lores que explique onde se van adoptar estas medidas

Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular de Pontevedra
Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular de Pontevedra / Mónica Patxot

Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, anunciaba este xoves que a súa formación presentou xa alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), ferramenta municipal para xestionar os modos de transporte proposta polo goberno local, aínda que indicou que neste tema os responsables son o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o BNG "porque o PSOE non pinta nada nisto".

En primeiro lugar, lamentou que este documento chegue tarde e argumentou que o PP presentou hai 18 meses unha moción para que se elaborase este plan recollendo puntos de carga para coches eléctricos.

Segundo lembrou, o concelleiro nacionalista César Mosquera expúxolle no pleno que "era un documento obsoleto". Agora, Domínguez afirma que ante a ausencia deste documento durante estes meses, Pontevedra perdeu mil millóns de euros dos fondos europeos Next Generation.

Indica que o PMUS presentado é "incompleto" e "pouco serio" ao ofrecer, entre outras carencias, unha calidade de redacción "básica", incluír fotocopias de recortes de períódico, amosar gráficos sen indicar procedencia dos datos e figurar debuxos realizado a man. Lamentou, ademais, o "autobombo" que se reflicte no escrito en relación coas accións emprendidas polo goberno local en materia de mobilidade.

Neste mesmo sentido e sen citalo expresamente, criticaba que o plan fora elaborado polo enxeñeiro de camiños Fernando Nebot, que figura como coordinador do proxecto, do mesmo xeito que xa o fixo noutros documentos relacionados coa mobilidade tanto no Concello como na Deputación de Pontevedra.

"Creo que é un déficit participativo", alegou Domínguez engadindo que desta forma pérdense máis prismas e miradas menos autocomplacientes. Explicou que, ademais, un documento tan importante debería contar cunha participación máis ampla apoiándose noutros colectivos como concellos lindeiros, policía local, transportistas, asociacións de taxis, sindicatos, asociacións veciñais e tamén de bicicleta, hostalería e pequeno comercio, entre outros.

Os populares critican que no documento se observa un abandono da bicicleta. Rafa Domínguez lamenta que só se faga referencia a este vehículo citando que o seu uso debe adecuarse aos límites da calzada, sen que se recollan medidas para potenciar a súa utilización nin a opción de crear carrís-bici. O portavoz da oposición considera que "se detecta hostilidade para o uso da bicicleta", un transporte que os populares consideran "actor fundamental" para a cidade do futuro.

Tamén consideran que é escasa a referencia ao transporte público. O PP detecta unha falta de fomento desta opción e lembra que o BNG leva oito anos tentando implantar o transporte a demanda. Alegan que tampouco se contemplan datos específicos no documento sobre aparcamentos disuasorios e observan un déficit de medidas concretas para mellorar a inclusión de persoas con mobilidade reducida.

Para Rafa Domínguez, o PMUS baséase en catro puntos: evaporación do tráfico para que desapareza; corte de rúas; creación de bucles de circulación para que o tráfico non vaia a ningunha parte, expuxo o popular; e reducir a velocidade a 10 km/h. Ante estas bases, o PP reclama a Fernández Lores que explique en que rúas aplicaranse estas medidas.