Críticas ao Concello por "non informar axeitadamente" sobre a recomendación de non bañarse na praia de Lourido

Poio
02 de setembro 2024
Actualizado: 15:06

O BNG solicitará explicacións ao goberno local sobre estes feitos

Praia de Lourido (Arquivo)
Praia de Lourido (Arquivo) / PontevedraViva

O grupo municipal do BNG asegura que "a veciñanza de Poio descoñecía as restricións sobre a recomendación de non bañarse na praia de Lourido". 

Segundo sinalan os nacionalistas, "un cartel (tamaño A4) apenas visible no taboleiro de acceso a unha das praias de Lourido indicaba a 'non recomendación', feito que pasou totalmente desapercibido para os bañistas".

O BNG expresa a súa "sorpresa" ao comprobar que, durante esta fin de semana, "os socorristas non advertiron sobre esta circunstancia". 

Como resultado, apuntan, "pasou desapercibida a pesares da recomendación relacionada a altos niveis da bacteria E. coli". 

O Bloque entende que "o goberno local non actuou con transparencia e dilixencia ante estas circunstancias" ao faltar información nos medios oficiais do Concello nin dar "as explicacións oportunas" ao responsable de medio ambiente. "O goberno local parece usar os medios institucionais para o auto-bombo e o anuncio desmedido de festas", apuntan os nacionalistas.

O BNG explica que non se sinalizou correctamente a praia, como se realizaba en anteriores anos cando se daban estas recomendacións por parte de Sanidade, precintando a praia afectada para que a veciñanza ou os visitantes fosen conscientes da problemática na auga.

"Non é de recibo é a falta de actuación, protocolo e información dende que o PP goberna este Concello", destaca o BNG que pedirá explicacións sobre estes feitos ao concelleiro de Medio Ambiente, asemade solicitará copia da notificación remitida por Sanidade así como da actuación e protocolo que seguiu o goberno local.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, asegura que "o Concello de Poio cumpriu escrupulosamente a normativa legal respecto á recomendación temporal de non baño na praia de Lourido".

Segundo explicou, o venres a Xunta notificou ao Concello de Poio que algúns índices saíron alterados na analítica que se fai cada quince días da praia de Lourido. E "de xeito inmediato", colocaron no panel informativo da praia o "cartel homologado pola Xunta" para advertir das recomendacións de non baño temporal, acompañado da normativa que o indica así como dos resultados que se publican cada quince días e a calificación sanitaria da praia do último ano.

Por iso, di que "a sorpresa é deste Goberno polas críticas do BNG, porque é exactamente o que se vén facendo nos últimos 20 anos porque é o que marca a normativa legal".

"Lamentamos que o BNG intente manipular á cidadanía con acusacións falsas porque o Concello de Poio actuou en todo momento coa máxima rapidez e cumprindo todos os protocolos", dixo este concelleiro. "Isto quere dicir que, ou ben en todos os anos que gobernaron non se enteraron como funcionaba isto ou que minten descaradamente para intentar sacar rédito político a costa de enganar e asustar á cidadanía", engade. 

Asemade, o edil do goberno local recorda que os socorristas están en Cabeceira, cuxos resultados foron bos, e non en Lourido, que é onde se fai a recomendación de non baño temporal que, insiste, é diferente á prohibición. "Sería só nese caso, no de prohibición, no que a sinalización sería diferente. Non se enteran ou intentan confundir aos bañistas?", asegura. 

A Xunta repetiu onte domingo a análise en Lourido, cuxos resultados se coñecerán mañá martes.