Critican que os policías nacionais de Pontevedra teñan que aprender con vídeos a facer un RCP ou usar un desfibrilador

Pontevedra
22 de febreiro 2024

"Estupor e decepción" son as palabras escollidas pola Confederación Española de Policía (CEP), ante a nova "teleformación" que reciben os policías nacionais en Pontevedra

Obradoiro de RCP básica
Obradoiro de RCP básica / Mónica Patxot

"Estupor e decepción" son as palabras escollidas pola Confederación Española de Policía (CEP), ante a nova "teleformación" que reciben os policías nacionais en Pontevedra.

Segundo explicaron, os axentes teñen uns vídeos nos computadores para visionar e aprender a facer unha reanimación cardiopulmonar (RCP) ou usar un desfibrilador externo automático máis coñecidos como DEA.

Este sindicato policial denuncia que "esta é unha maneira moi pobre e triste de lavarse as mans por se pasa algo", e pregúntanse "desde cando se dá formación sanitaria por televisión a un policía sen persoal profesional e prácticas físicas".

En cambio sinalan que "se hai recursos para facer formación de Ioga na Policía Nacional presencial e de xestión emocional, é a triste realidade que nos tocou vivir nesta Policía Nacional do século XXI", apuntan.

Desde o CEP remarcan que ningún xefe policial lles informou do que implican estes cursos de teleformación, das consecuencias legais dunha mala praxe nunha intervención ou de que pasa se non interveñen por crer que non teñen os coñecementos necesarios ante a formación recibida, e se hai algún seguro de responsabilidade civil que os apoie nas actuacións onde practiquen un RCP ou fagan uso dun DEA.