A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber lamentaron, unha vez máis, que o Concello de Pontevedra insista no uso de animais para a celebración da Feira Franca.
Entre as actividades programadas para os días 6 e 7 de setembro atópanse as exhibicións de cetrería, o uso da praza de touros para o torneo medieval e os desfiles de animais con cabalos e bois en actos como o transporte do viño.
Os animalistas reprochan que se somete ás aves a unhas "condicións antinaturais", e que os desfiles con équidos e bóvidos, foron suprimidas nestas cidades "ao considerar que a súa achega ao lecer é irrelevante", e censuran os espectáculos con animais na praza de touros, "previo pago do convenio".
Estes colectivos sinalan que o Concello de Pontevedra actúa con esta programación "na liña contraria ás actividades que se desenvolven xa noutras localidades sen ter que explotar seres vivos como parte dunha recreación festiva".
Desde Libera e a Fundación Franz Weber resaltaron que "existen numerosas alternativas ao emprego de seres vivos", e citan como exemplo o "reforzo das recreacións e actuacións teatrais, contratando grupos da comarca, apostando polo Novo Circo Galego e descentralizando a actividade do coso taurino nas diferentes prazas do municipio".
"Os animais son expostos a ruídos e bulicio, condicións negativas para a súa saúde e benestar, financiando ademais a empresas que se lucran da exhibición de animais coma se fosen meros obxectos de consumo e incidindo negativamente no seu cosificación", sosteñen estes colectivos animalistas.