Unha charla de Cristina Fallarás e unha homenaxe fronte á Audiencia, na campaña que pon ás mulleres na diana

Pontevedra
13 de novembro 2024

"Son muller, son diana: a quen teñen que apuntar para que che importe?" é o lema da campaña do Concello de Pontevedra

Carteis da campaña 25N
Carteis da campaña 25N / Concello de Pontevedra

"Son muller, son diana. A quen teñen que apuntar para que che importe?" é o lema da campaña do 25-N do Concello de Pontevedra, que presentou este mércores a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías.

A campaña quere transmitir mensaxes claras fronte ao negacionismo. A proposta municipal pon o foco en tratar á violencia machista como unha cuestión estrutural xa que "non falamos do caso de catro tolos que matan as súas mulleres" senón que é unha cuestión que ten que ver co patriarcado, coa educación, coas prácticas políticas, coas prácticas que na esfera pública e na privada... "nos matan, por sermos mulleres", dixo a concelleira de Igualdade.

A iniciativa municipal tamén pretende loitar contra a percepción de que os asasinatos machistas son unha efeméride máis á que se responde "dun xeito rutineiro".

Catro mulleres de Pontevedra prestan a súa imaxe para os carteis. Elas son catro veciñas da cidade, de distinta idade e perfil, que amosan que a violencia machista cébase na metade da poboación polo feito de ser muller.

Está prevista unha intervención artística que deixará unha pegada permanente diante do edificio da Audiencia de Pontevedra en lembranza das vítimas da violencia machista na provincia, desde o 2003 foron 30 mulleres e 2 nenos. Son unhas baldosas incrustadas no chan coas iniciais de cada unha destas persoas. Inaugurarase esta intervención o luns 25, ás 11.00 horas.

E o martes 17 de decembro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal haberá unha charla-coloquio coa xornalista e escritora Cristina Fallarás, que traballa desde hai anos na recollida de testemuños de mulleres que sufriron violencia machista para que non caian no esquecemento. Con ela estará a ex-concelleira de Igualdade, Carme Fouces, impulsora da campaña #PrimAcoso.

O Concello inclúe na programación deseñada polo 25-N as proxeccións de películas "Con perspectiva feminista" vencelladas aos Premios Feroz. O venres 15, ás 18.30 horas na Facultade de Comunicación o filme 'Jamón, jamón', de Bigas Luna e coloquio con Laura Seoane, productora executiva dos premios Feroz. E o xoves 21, ás 18.30, proxección de 'Amanece que no es poco' de José Luis Cuerda. Coloquio con Marta Armengou, fundadora e directora de filmtopia.net

Tamén, dentro do Ciclo Conversas do primeiro andar do Mercado, o xoves, 21, ás 20.00 horas, terá lugar a presentación do libro "Que no se te note" de Rocío Saiz, e a presentación da adega Anónimas Viticultoras (Cristina Yagüe e María Falcón) ademáis do "Showcase" de Buenatarde e Rocío Saíz.

O luns 18 de novembro será a lectura do manifesto 25-N do Concello de Pontevedra no Pleno municipal, a cargo do Colexio de Psicoloxía de Galicia.

E o martes 19, ás 11.30 horas, o despregamento da pancarta do 25.N na fachada da Casa Consistorial. Nesta ocasión será unha grande diana.