Criar os bebés en galego con 'apego'

Pontevedra
23 de marzo 2015

O Concello de Pontevedra e outros once municipios asinaron este luns en Santiago o protocolo de colaboración para a organización do programa Apego dirixido a fomentar e mellorar a transmisión interxeracional da lingua galega. Polo Concello de Pontevedra acudiu a esta cita o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Xunqueira

Sinatura do protocolo de colaboración para a organización do programa Apego
Sinatura do protocolo de colaboración para a organización do programa Apego / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra e outros once municipios asinaron este luns en Santiago o protocolo de colaboración para a organización do programa Apego dirixido a fomentar e mellorar a transmisión interxeracional da lingua galega. Polo Concello de Pontevedra acudiu a esta cita o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Xunqueira.

No desenvolvemento deste programa de normalización lingüística están a traballar conxuntamente os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

O proxecto Apego busca implicar as familias tecendo redes de apoio para a transmisión do galego como lingua de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces. Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual.

Demetrio Gómez declarou que "actos como este xeran sentimentos encontrados. Dunha banda é positivo que nos xuntemos para promocionar a transmisión do galego, mais de outra fica claro que un país que precisa convencer a pais e nais de falaren ás crianzas na lingua de seu ten un problema moi grave e fai falla enfrontármolo decididamente e sen panos quentes".

Asemade, o concelleiro engadiu que en máis de 300 concellos galegos non vai haber ningún tipo de promoción da transmisión interxeracional da lingua porque "quen falta hoxe aquí é o goberno galego, que non é xa que non apoie á lingua, senón que dá a impresión de que está encantado con esta situación de perda dos falantes máis novos e da transmisión interxeracional do galego".

De cara a cumprir estes obxectivos organizaranse coordinadamente accións dirixidas ao ámbito familiar, educativo (infantil), de conciliación e de ocio.

"Un país que precisa convencer a pais e nais de falaren ás crianzas na lingua de seu ten un problema moi grave", Demetrio Gómez

As accións serán deseñadas conxuntamente polos concellos participantes de cara a unificar a súa imaxe e o seu desenvolvemento malia que en cada caso se adapten ás circunstancias concretas. A posta en marcha do programa incluirá, cando menos, as seguintes accións en todos os concellos:

  • Deseño dunha imaxe común para todo o programa.
  • Edición dunha campaña informativa con material distribuíble nos espazos que habitualmente atenden ao embarazo e a adopción.
  • Edición de 5.000 caixas para entregarlles ás embarazadas para preparar a acollida das crianzas. Conterá un libro informativo, un álbum de lembranzas, un medidor, un adhesivo para o vehículo e un apego.
  • Edición de 5.000 CD de acollida para os novos nacementos (e adopcións) cunha selección de música que acaia aos diferentes momentos da crianza.
  • Creación dunha rede coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego.
  • Creación dun espazo-web para informar do desenvolvemento do programa e aglutinar o acceso a información, recursos e redes de apoio á transmisión da lingua.
  • Obradoiros formativos para os diferentes colectivos atinxidos no programa.

 

Esta liña de traballo que desenvolven de maneira colaborativa os concellos responde á necesidade urxente de reforzar a transmisión da lingua, sobre todo despois das últimas cifras de uso do galego feitas públicas na enquisa do IGE.