Crespóns negros no comercio de Campo Lameiro polo peche da sucursal de Abanca

Umia
25 de agosto 2021

Secundan así as mobilizacións e actos de protesta convocados en Campo Lameiro, que terán o seu acto principal este venres 27 de agosto cunha manifestación que sairá ás 20:30 horas desde a Praza do Concello ata a sucursal de Abanca

Crespóns negros no comercio de Campo Lameiro
Crespóns negros no comercio de Campo Lameiro / Concello de Campo Lameiro

Os comercios de Campo Lameiro amenceron este mércores decorados con crespóns negros como protesta pola decisión de Abanca de pechar a única oficina bancaria existente no municipio a partir do vindeiro 8 de setembro.

Secundan así as mobilizacións e actos de protesta convocados en Campo Lameiro, que terán o seu acto principal este venres 27 de agosto cunha manifestación que sairá ás 20:30 horas desde a Praza do Concello ata a sucursal de Abanca.

Os comerciantes pecharán unha hora antes da manifestación os seus negocios para poder acudir a esta mobilización e contribuír a que a asistencia sexa masiva.

Xunto con estes crespóns negros, no centro da vila penduran desde hai días máis de media ducia de pancartas colocadas polo Concello censurando esta decisión da entidade bancaria.

Os organizadores da manifestación, impulsada polos tres grupos políticos que forman a corporación -PP, PSOE e PorVir- remitiron unha carta aos veciños e veciñas da vila para animalos a participar na manifestación do venres.

Recordan que o peche desta sucursal deixa nunha delicada situación económica e social a todo o municipio.