Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita chea de cor para servir quente como entrante e coa que aproveitaremos todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte.
O bonito do norte é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén unha gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados. A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde da súa presentación en aceite de oliva.
Para preparar unha saborosa Crema de outono con bonito do norte Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata debonito do norte en aceite de oliva Pescamar
- 1 cabaza (sobre 1 kg. de polpa)
- 2 cenorias
- 1 cunca de quinoa
- 200 g. de garavanzos cocidos (equivale a medio bote con peso neto escorrido de 400 g)
- 1,5 l. de auga
- 1 dl. de leite
- 0,5 l. de nata
- Aceite de oliva virxe extra
- 1 cebola
- 20 gr. de fariña
- Sal
- 0,5 dl. de caldo de verduras
- Pementa branca
- Sementes de papoula (opcional)
Preparación:
Picamos a cebola e a refogamos nunha cazola con aceite de oliva. Cando empece a estar transparente, incorporamos, previamente cortadas en anacos pequenos, a polpa da cabaza e as cenorias. Salpementamos e agregamos a fariña. Unha vez estean douradas, engadimos o caldo de verduras, a auga e o leite, remexemos ben e deixamos cocer durante 40 minutos.
En paralelo, lavamos ben a quinoa nun coadoiro baixo o chorro da billa ata que deixe de escumar. Incorporámola á cazola aproveitando os 20 minutos finais dos 40 indicados.
Transcorrido o tempo, retiramos do lume e trituramos, engadimos a nata e rectificamos de sal e pementa.
Nunha sopeira, colocamos os garavanzos e o contido da lata de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrido (reservamos o aceite) e esmigallado. Dámoslle unhas voltas con coidado para non romper os garavanzos. Vertemos por enriba a crema quente.
Decoramos cunhas sementes de papoula e un chorriño do aceite da lata de bonito que reservaramos.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.