Crearán unha plataforma veciñal en Barro ante a falta de médicos no centro de saúde

Barro
06 de decembro 2024

Máis de 200 veciños de Barro concentráronse nas últimas horas para denunciar os problemas de atención sanitaria que se están a producir no centro de saúde.

Concentración veciñal en Barro pola ausencia de médicos
Concentración veciñal en Barro pola ausencia de médicos / PontevedraViva

Veciñanza de Barro mobilizouse este venres nunha concentración fronte ao centro de saúde para denunciar a falta de cobertura médica no municipio.

A protesta, que xuntou a máis de 200 persoas, xurdiu tras varios días nos que os pacientes non puideron ser atendidos pola ausencia do facultativo titular e a falta dun substituto.

As persoas participantes na mobilización, convocada a través das redes sociais, acordaron constituír unha plataforma veciñal para canalizar as súas demandas.

Como primeira medida, organizarán unha nova concentración nas vindeiras dúas semanas.

José Sanmartín, tenente de alcalde de Barro, acudía tamén a esta protesta en apoio aos pacientes afectados.

Dende a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, cualifican a situación como un problema circunstancial provocado polas vacacións dun médico e a ausencia por motivos persoais do seu substituto durante varios días.

Con todo, a situación agrávase durante esta fin de semana, xa que o centro quedará sen servizo de atención primaria o sábado 7, segundo denuncian os convocantes da protesta.

A plataforma veciñal nace coa intención de presionar ao Sergas para garantir unha cobertura médica estable neste espazo sanitario e evitar que se repitan estas situacións..

Pacientes de Barro crearán unha plataforma veciñal
Pacientes de Barro crearán unha plataforma veciñalPontevedraViva