Covelo e Raxó, unidas por un 'camiño violeta' contra as violencias machistas

Poio
25 de novembro 2024

Máis dun cento de personas participaron nesta andaina reivindicativa. Era unha actividade que formaba parte da programación elaborada polo Concello de Poio para conmemorar o 25N

Participantes no 'Camiño Violeta' de Poio
Participantes no 'Camiño Violeta' de Poio / Concello de Poio

A distancia que separa os portos de Covelo e Raxó convertéronse este domingo nun Camiño Violeta para denunciar a violencia machista, unha lacra social que non cesa.

Máis dun cento de personas participaron nesta andaina reivindicativa.

Era unha actividade que formaba parte da programación elaborada polo Concello de Poio para conmemorar o 25N, o día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

As persoas que se animaron a facer este camiño partiron do porto de Covelo contra as dez da mañá e percorreron toda a senda do Laño antes de continuar ata o peirao de Raxó.

A andaina rematou coa lectura dun manifesto no centro cultural Xaime Illa, onde tamén se proxectou o vídeo que gravaron colectivos e alumnado en diferentes talleres dentro da campaña "Quen é o agresor? Que a vergoña cambie de lado".

Participantes no 'Camiño Violeta' de Poio
Participantes no 'Camiño Violeta' de PoioConcello de Poio

Esta pregunta, que é o lema elixido este 25N polo Concello de Poio, busca poñer o foco nos agresores, ao entender que son os únicos responsables de calquera tipo de violencia sexual e machista contra as mulleres.

As actividades en Poio polo 25N terán o seu acto central este luns, a partir das doce da mañá, con un parón institucional diante da Casa do Concello.

Ás portas da sede consistorial lerase un manifesto no que se expresará o compromiso de que Poio sexa un municipio libre de violencia de xénero.