Cotobade traslada o expediente da fusión con Cerdedo á Xunta e á Deputación

Cerdedo-Cotobade
07 de xullo 2016
Actualizado: 17:17

O pleno municipal do Cotobade aprobou o acordo cos 7 votos a favor do goberno local e coa ausencia dos edís socialistas, que se levantaron da sesión plenaria

Plataforma Non á fusión de Cotobade e Cerdedo
Plataforma Non á fusión de Cotobade e Cerdedo / Plataforma Non á fusión de Cotobade e Cerdedo

O pleno de Cotobade aprobou este xoves a resolución desestimatoria das alegacións presentadas ao proceso de fusión co Concello de Cerdedo e deu así por finalizada a tramitación municipal desta unión, cuxo expediente pasa agora a mans da Deputación de Pontevedra e dos distintos departamentos autonómicos da Xunta de Galicia para o seu ditame e a culminación da agrupación definitiva de ambos concellos.

Este acordo, que supón o derradeiro trámite municipal antes de que se produza a fusión, foi aprobado por maioría absoluta cos 7 votos do grupo de goberno e por unanimidade da corporación municipal presente na sala no intre da votación, xa que os tres concelleiros do grupo municipal do PSOE que asistiron a esta sesión extraordinaria optaron por abandonar a mesma alegando que careceron de tempo para estudar a documentación e "para non ser cómplices dunha decisión tan importante e tan pouco fundamentada".

Este xoves a Plataforma Non á fusión non acudiu ao pleno de Cotobade nin tampouco ao de Cerdedo que se celebrou de xeito simultáneo.

Nun comunicado valoraron que o pleno "foi tratado de xeito antidemocrático, como todo este proceso, e como alí se iba a levar a cabo un simulacro de democracia decidimos non asistir a tal aberración".