Cotobade programa un festival de Entroido e concursos de disfraces no Domingo de Piñata

Cerdedo-Cotobade
04 de febreiro 2016

As actividades están programadas para o domingo 14 no pavillón de Carballedo

Entroido infantil en Marín
Entroido infantil en Marín / Diego Torrado

O Concello de Cotobade ten preparado un programa de Entroido 2016 cun completo festival e dous concursos de disfraces, que repartirán 675 euros en premios, convocados para o popularmente coñecido como Domingo de Piñata.

Así, o Concello, que conta coa colaboración da Asociación Xuvenil San Miguel de Carballedo, vai concentrar todos os festexos o vindeiro 14 de febreiro no pavillón municipal de Carballedo.

As actividades do macrofestival de Entroido de Cotobade arrancarán ás 17.00 horas co desfile dos cativos disfrazados ata o polideportivo sempre que a meteoroloxía o permita. En calquera caso, a inscrición no concurso infantil de disfraces, que será o acto que inicie o evento, abrirase xa ás 16.00 horas no consistorio ou, en caso de choiva, no pavillón.

O certame para cativos, destinado a menores de 16 anos, premiará aos mellores disfrazados nas modalidades individual, parellas e grupos, que recibirán 50, 75 e 100 euros, respectivamente. Nembargantes, todos os nenos participantes contarán cun agasallo pola súa asistencia.

Xa dende as 18.00 horas terá lugar un karaoke infantil, no que os nenos poderán actuar sos, en grupo ou acompañados por adultos. Os interesados en cantar deberán anotarse no consistorio ou na páxina web municipal antes do día 11 ás 14.00 horas, xa que haberá obsequios para todos os participantes. Desta volta, habilitouse unha relación de posibles cancións a interpretar, con máis de 80 temas moi coñecidos, que se poden consultar no portal municipal, nos folletos promocionais ou a través do número de teléfono 986 760 001.

CATEGORÍA ESPECIAL DE CHOQUEIRO

Tras as actividades infantís, comezará, ás 19.00 horas, o concurso de disfraces para adultos, que pechará a súa inscrición trinta minutos antes.

Neste certame haberá premios de 75, 125 e 200 euros para os mellores nas categorías individual, parellas e grupos e tamén un galardón especial, dotado con 50 euros, para o mellor choqueiro. Neste caso, hai que indicalo na inscrición e o traxe ten que estar feito con trapos ou roupa vella.

O peche da festa está fixado para as 21.00 horas coa actuación musical de Dúo Caché.

Arquivado en