Cotobade pide incluír os meandros do Lérez no Catálogo das Paisaxes de Galicia

Cerdedo-Cotobade
16 de abril 2016

Os meandros do Lérez son de "especial interese", segundo o Concello de Cotobade. Por iso, o goberno municipal entende que se lles debe conceder a "debida importancia" para a súa protección, xestión e ordenación. Así, veñen de solicitar á Consellería de Medio Ambiente a súa inclusión no Catálogo das Paisaxes de Galicia, que actualmente se está tramitando

O río Lérez ao seu paso por Monte Porreiro
O río Lérez ao seu paso por Monte Porreiro / Juan Mejuto

Os meandros do Lérez son de "especial interese", segundo o Concello de Cotobade. Por iso, o goberno municipal entende que se lles debe conceder a "debida importancia" para a súa protección, xestión e ordenación. Así, veñen de solicitar á Consellería de Medio Ambiente a súa inclusión no Catálogo das Paisaxes de Galicia, que actualmente se está tramitando.

A alegación presentada polo Concello destaca que os meandros do Lérez contén diversos Bens de Interese Cultural (BIC), numerosas áreas de gran importancia natural, 13 castros e a maior concentración de gravados rupestres prehistóricos do noroeste peninsular. 

Así, nesta contorna existen catro muíños, unha minicentral, dúas fontes, unha ponte vella, dúas calzadas empedradas, catro petróglifos catalogados como BIC, os castros da Cividá e de Barbeitos, a ermida e a carballeira de San Xusto, o Parque Rupestre de Campo Lameiro, cinco casonas e pazos de arquitectura tradicional galega, catro espazos de gran valor natural e medioambiental, mananciais de augas mineromedicinais e establecementos de turismo rural. 

Ademais, o goberno municipal resalta que conforma unha zona de gran potencial pola súa "riqueza patrimonial, vexetación autóctona, a presenza de augas mineromedicinais, roteiros de sendeirismo e miradoiros", polo que todos estes elementos "deben ser lexibles e destacables". 

Neste sentido, o Concello de Cotobade explica, na solicitude cursada ante a Xunta de Galicia, que na actualidade estase a traballar nun pacto pola paisaxe "que permita impulsar proxectos conxuntos para revitalizar áreas de gran valor". 

Ao respecto, concrétase que xa está en marcha a primeira destas iniciativas, centrada na recuperación patrimonial, etnográfica e paisaxística dos Baños de San Xusto de Cotobade

No ano 1915 construíuse na zona un balneario que chegou a contar con doce bañeiras de augas sulfuro-fluoradas que nacen entre unhas rochas do Lérez. Estas augas foron e son recomendadas polos médicos para diferentes doenzas, especialmente as cutáneas e as do aparato dixestivo. 

Precisamente por iso, preténdense analizar todas as posibilidades dun espazo con gran valor natural que tivo un importante tirón turístico a finais do século XIX e principios do XX e do que agora se aspira a súa recuperación.

Arquivado en