O núcleo da Chan, en Carballedo, xa completou a súas obras de humanización. Nelas, investíronse algo máis de 440.000 euros, dos que a Deputación de Pontevedra achegou o 70% dentro do Plan Concellos e o goberno municipal o 30% restante.
As obras permitiron a humanización e a posta en valor desta contorna, a capital administrativa do municipio, coa recuperación do espazo público e a mellora da mobilidade.
O proxecto supuxo a pacificación do tráfico, coa habilitación dunha área de aparcamento, a ampliación da praza cunha vía de plataforma única e o redeseño da contorna da capela de San Roque, para poñer en valor esta zona con parámetros de gran calidade urbana.
En concreto, abordouse a ampliación da praza principal, configurando unha vía de plataforma única. Este espazo público ten un tratamento diferenciado para garantir a existencia de ámbitos protexidos para o seu uso exclusivo por peóns e outros de coexistencia para aproveitar a traza existente.
Ademais, creouse tamén unha zona de uso exclusivo para o peón na contorna da fonte e, a maiores, demoleuse o muro de sostemento que daba ao viario que leva á antiga Casa do Concello, e repúxose debido ao seu mal estado.
No que se refire ao aparcamento, situado nas inmediacións do Concello e o centro de saúde, habilitáronse medio cento de prazas e un espazo natural tradicional, un bosque de castiñeiros, para situar nel os espazos adecuados para o estacionamento de automóbiles.
Con respecto á contorna da capela de San Roque, ampliouse a praza, incluíndo a superficie da estrada adxunta mediante a unificación da súa plataforma. Ademais, limitouse visualmente o seu entorno e reduciuse o impacto das construcións veciñas mediante unha liña de arborado.
Creouse tamén un espazo adecuado para a situación dos colectores de lixo, integrado nunha pérgola con estética propia dos xardíns. Así mesmo, abordouse a redución de velocidade dos tráficos, redimensionáronse os carrís vehiculares e reforzouse o espazo de uso peonil exclusivo, colocando bolardos no límite da rúa.
Estas actuacións completáronse coa adecuación da rede de pluviais, a rede de alumeado, o soterramento de rede eléctrica e a de telefonía, colocación de mobiliario e os traballos de xardinería.
Durante o percorrido das autoridades, o alcalde arrancou o compromiso dos deputados Carlos López Font e Gregorio Agís de que o proxecto completarase coa humanización e mellora de beirarrúas dun treito de 240 metros que quedou fóra inicialmente e que é o que conecta o novo aparcadoiro coa Praza da Chan. Este engadido terá un orzamento de 34.188 euros.
NOVAS PETICIÓNS DO CONCELLO
No marco desta visita, Jorge Cubela entregou aos membros do goberno provincial unha carta na que se expón as necesidades do municipio para a presente lexislatura en bens, infraestruturas e servizos públicos de competencia provincial.
Así, o alcalde solicita solucións para a mellora das estradas de Almofrei e Quireza e a execución de proxectos de humanización na estrada provincial de Viascón cara Carballedo e da praza central da parroquia de Borela.