Os alcaldes de Cotobade e Cerdedo, Jorge Cubela e José Balseiros, mantiveron este martes unha xuntanza para coordinar os primeiros pasos da fusión municipal despois de que nacera o Concello de Cerdedo-Cotobade tras a publicación do correspondente decreto no DOG.
Os dous rexedores reuníronse no consistorio de Cerdedo para comezar a desenvolver un proceso "tranquilo" no que garanten que haberá "moita continuidade sen que se note ningún cambio nestas primeiras semanas".
Deste xeito, ambos queren que os servizos públicos e a atención aos cidadáns funcione "con total normalidade" durante este período de transición ata que todos os servizos e prestacións operen de xeito conxunto e unificado, que será un proceso que levará algunhas semanas, e se poida obter un maior rendemento. Neste senso, subliñaron que nos dous primeiros días, malia intensificarse o traballo conxunto, non se detectou ningunha incidencia.
Cubela e Balseiros aproveitaron esta xuntanza para poñerse ao día da realidade do novo territorio común e deron os primeiros pasos para trazar os eixos que levarán ao persoal municipal a unificar as ordenanzas fiscais, que tenderán á baixa tal e como se anunciou no proceso previo; o urbanismo e o funcionamento e tarefas da plantilla de traballadores.
"Queremos que os servizos funcionen como ata agora nestas primeiras semanas de fusión para que os veciños non sintan ningún perxuízo e, cando xa estea todo fusionado, se comecen a potenciar estas atencións aos cidadáns, que foi o principal motivo polo que emprendimos a fusión", explicaron.
Sobre a mesa de reunión tamén estiveron a definición das primeiras liñas mestras do orzamento municipal, que roldará os 5 millóns de euros grazas á aportación de case 1,6 millóns de euros do fondo autonómico de fusións, e a sesión constitutiva da xestora que rexerá o novo concello ata maio de 2019. A mesma conformarase o vindeiro xoves ás 12.00 horas no Concello de Cotobade.