Cotobade e Cerdedo fusiónanse

Cerdedo-Cotobade
23 de febreiro 2016
Actualizado: 18:38

Nova fusión no mapa municipal galego. E esta vez na provincia de Pontevedra. Os municipios pontevedreses de Cerdedo e Cotobade anunciaron este martes que iniciarán os trámites para fusionarse. Así o sinalaron os seus respectivos alcaldes, Jorge Cubela e José Balseiros, tras a reunión que mantiveron en Santiago de Compostela co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Rueda e Feijóo cos alcaldes de Cotobade e Cerdedo tras o anuncio da fusión
Rueda e Feijóo cos alcaldes de Cotobade e Cerdedo tras o anuncio da fusión / Xunta de Galicia

Nova fusión no mapa municipal galego. E esta vez na provincia de Pontevedra. Os municipios pontevedreses de Cerdedo e Cotobade anunciaron este martes que iniciarán os trámites para fusionarse.

Así o sinalaron os seus respectivos alcaldes, Jorge Cubela e José Balseiros, tras a reunión que mantiveron en Santiago de Compostela co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O concello resultante levará por nome Cerdedo-Cotobade.

Terá unha superficie de 214,5 quilómetros cadrados de extensión e contará con 6.160 habitantes. Deles, 4.332 residen actualmente en Cotobade fronte aos 1.828 que viven en Cerdedo.

"Felicito aos veciños de Cotobade e de Cerdedo, parabéns nesta nova fase, nesa gran alianza que permitirá que os veciños conten cun concello máis grande, con máis poboación, con máis ingresos, con máis servizos e con menos gastos burocráticos. O pobo merece ter un concello que quede blindado no mapa municipal de Galicia e de España", destacaou Núñez Feijóo, na rolda de prensa na que se anunciou esta iniciativa de fusión.

Este novo municipio, lembrou o presidente galego, terá "maior peso e maior poboación no mapa de Pontevedra e de Galicia", non só polas consecuencias demográficas desta fusión senón polos efectos económicos que terá esta decisión. Polo seu novo tamaño, de entrada, terán ingresos adicionais que alcanzan os 1,5 millóns de euros nunha lexislatura; e ademais haberá un menor custo burocrático ao contar cunha única corporación municipal e os aforros que supoñerá a contratación conxunta de servizos e subministracións varios.

Pero ademais, Núñez Feijóo avanzou que Cotobade-Cerdedo verá incrementado o coeficiente de ponderación para calcular a participación nos ingresos do Estado, e terá a dispensa de prestación de novos servizos mínimos obrigatorios, a preferencia á hora de subvencións e convenios durante os cinco anos posteriores á fusión ou o acceso como beneficiario ao fondo especial para fusións que creou a Xunta, dotado este ano de 2,2 millóns de euros.

Esta "gran alianza" entre os dous municipios non sería posible, segundo o presidente da Xunta, sen a disposición de ambos os alcaldes de apostar pola "boa política e por poñer os intereses dos veciños por riba dos cargos".

OS ALCALDES DEFENDEN A FUSIÓN

Pola súa banda, os alcaldes de Cerdedo e Cotobade defenderon a unión de ambos os municipios, ao entender que se trata dunha "decisión histórica" que os sitúa no "liderado político" do municipalismo galego, segundo destacou Jorge Cubela.

Cubela, que destacou a "xenerosidade" do concello de Cerdedo, sinalou que esta fusión permitirá "facer máis con menos" e axustar o gasto en ambos os concellos sen perder servizo algún. Esta solución, dixo, era a "única saída" para poder manter a atención aos veciños e impulsar "todo o que poida ser beneficioso para os dous municipios".

Polo momento, apenas se coñecen detalles desta iniciativa de fusión, xa que os dous alcaldes recoñeceron que este plan está na súa fase inicial. Non se coñecen os prazos para esta fusión ou a composición da xestora que gobernará o concello fusionado. Iso si, ambos avanzaron que as respectivas casas consistoriais manteranse abertas para que os veciños non perdan en proximidade coa administración.

Ademais, Cubela e Balseiros pediron a colaboración "o máis intensa que poidan" tanto da Xunta de Galicia como da Deputación de Pontevedra para que esta fusión sexa unha realidade.

O PSOE FALA DE "FALTA DE TRANSPARENCIA"

Ao fío deste anuncio, a voceira do PSdeG-PSOE, Lina Garrido, lamentou o "talante dictatorial, nada dialogante e con total falta de transparencia" do alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, ao non consultar cos veciños do municipio o seu parecer "antes de tomar una decisión tan importante e trascendental".

Lina Garrido recorda que hai nove meses que se celebraron as eleccións municipais "e non se recollía en ningún programa electoral do PP dita fusión" e pon en dúbida os beneficios da fusión entre os dous concellos porque apunta que Cerdedo "sempre estivo máis vinculado a Forcarei" e é dunha comarca diferente.

"Non podemos permitir que se decida o futuro do noso concello en función dos intereses persoais e políticos destes dous alcaldes", reitera a voceira socialista que reclama coñecer un estudio previo da fusión e un debate "no que poida opinar libremente todos os veciños".