Cotobade e Cerdedo consultan á Xunta sobre a legalidade dun referendo sobre a fusión

Cerdedo-Cotobade
08 de marzo 2016

Cotobade e Cercedo farán unha consulta popular sobre a fusión. Iso si, se o autoriza a Xunta de Galicia. A ela dirixíronse os alcaldes de ambos municipios, Jorge Cubela e José Balseiros, para que emita un informe xurídico sobre a legalidade de facer un referendo deste tipo

O pleno de Cotobade inicia o proceso de fusión con Cerdedo
O pleno de Cotobade inicia o proceso de fusión con Cerdedo / Mónica Patxot

Cotobade e Cercedo farán unha consulta popular sobre a fusión. Iso si, se o autoriza a Xunta de Galicia. A ela dirixíronse os alcaldes de ambos municipios, Jorge Cubela e José Balseiros, para que emita un informe xurídico sobre a legalidade de facer un referendo deste tipo.

Así o avanzou o alcalde de Cotobade, que agarda que esta consulta se poida facer antes do verán. Nela, poderían emitir a súa opinión, favorable ou contraria a esta fusión, todos os veciños maiores de idade de ambos municipios. Sería vinculante, alega Jorge Cubela, porque "non tería sentido facela se non fora así".

Cubela asegurou que "era algo que xa tiñamos en mente facer" ao entender que neste proceso ten moita importancia a participación cidadá en todas as fases: información previa, fase de exposición pública, presentación de alegacións e, se fora o caso, atención personalizada aos veciños.

"Eu, como alcalde, non vou impoñer unha medida que rexeite a maioría dos meus veciños porque sempre goberno a prol dos seus intereses xerais", reiterou o alcalde de Cotobade.

En todo caso, Jorge Cubela afirmou que "ninguén nos pode acusar de escurantismo", xa que sinalou que no concello de Cotobade "é a primeira vez que hai un proceso tan participativo", coas xuntanzas veciñais que se están a celebrar e o proceso que se abre agora de exposición pública, durante o cal todos os veciños terán acceso ao expediente de fusión "e despois diso poderemos falar se continuamos ou non".

Trátase, dixo, dun proceso "regrado" que marca a lexislación vixente e nese mesmo marco os alcaldes entenden que facer unha consulta popular ou referendo ten que ter una seguridade xurídica "absoluta" para que tras este proceso democrático "non nos pillemos os dedos".

Cubela, que negou que detrás de este proxecto haxa intereses electorais porque "se fora así non estaríamos iniciando un proceso destes", apuntou que a fusión de concellos é un proceso "irreversible" en Galicia e defendeu a "lexitimidade" como goberno para presentar unha iniciativa así. "Feitas as análises, tomaremos as decisión que correspondan", concluíu.