Cotobade contará cunha explotación de arándanos ecolóxicos

Cerdedo-Cotobade
21 de febreiro 2014

Esta iniciativa conta cunha subvención de case 33.000 euros da Xunta de Galicia dentro das liñas de axudas para a incorporación de mozos a actividades agrarias e plans de mellora

Unha explotación de arandos ecolóxicos instalarase proximamente en Santa María de Sacos (Cotobade) cunha superficie de catro hectáreas, cedidas pola comunidade de montes desta parroquia. Na plantación, que se estenderá ao longo de 1,5 hectáreas, investiranse 38.700 euros co obxectivo de obter unha produción de 18.000 quilos ao ano destes arandos ecolóxicos.

O empresario Manuel Ángel Currás Oliveira adquiriu, a través dunha subvención de 33.000 euros de Medio Rural e do Mar, 5.600 plantas de distintas variedades de arandos así como doutros cultivos de froiteiras, e ademais da adquisición dun grupo electróxeno executouse o proxecto para a construción dun almacén. Está previsto que se instale unha balsa de 30 metros cúbicos e un sistema de rego por goteo.

Durante esta xornada, o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, visitou acompañando ao alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, a zona na que se instalará esta empresa e recordou que as subvencións ás que se acolle esta nova explotación teñen por obxectivo "fomentar a modernización e a ampliación das instalacións agroganderas de Pontevedra e impulsar a incorporación de mozos ao medio rural".

Precisamente, a Consellería do Medio Rural e do Mar vén de distribuír axudas por valor de máis de case 2,9 millóns de euros na provincia para levar a cabo plans de mellora das explotacións agrarias e á incorporación de mozos ao sector.