Cotobade amplía as prazas para as ludotecas de Carballedo e Tenorio

Cerdedo-Cotobade
30 de xuño 2017

A grande demanda de prazas nas ludotecas de verán de Cotobade levou ao Concello de Cerdedo-Cotobade a ampliar a súa capacidade e contratar máis persoal para non deixar a ningún rapaz sen sitio. Habilitáronse inicialmente vinte prazas no servizo de Tenorio e outras tantas en Carballedo, pero finalmente inscribíronse 70 cativos -45 en Tenorio e 25 en Carballedo-

Campamento en Cotobade
Campamento en Cotobade / Concello de Cotobade

A grande demanda de prazas nas ludotecas de verán de Cotobade levou ao Concello de Cerdedo-Cotobade a ampliar a súa capacidade e contratar máis persoal para non deixar a ningún rapaz sen sitio. 

Habilitáronse inicialmente vinte prazas no servizo de Tenorio e outras tantas en Carballedo, pero finalmente inscribíronse 70 cativos -45 en Tenorio e 25 en Carballedo-.

Esta actividade, que centra o programa de conciliación estival no ámbito familiar e laboral promovido polo Concello xunto co campamento "Campalledo 2017", desenvolverase no edificio multiusos de Carballedo e no CEIP de Tenorio en quenda de mañá durante todo o mes de xullo.

Os cativos participantes, con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos de idade, gozarán dunha alternativa educativa e de lecer na que se combinarán a creatividade, o deporte, o reforzo das linguas galega e inglesa, o traballo en grupo, a educación en valores e a promoción de hábitos saudables.

Entre as actividades que se porán en práctica figuran xogos tradicionais e populares, musicais, cooperativos e lingüísticos, prácticas deportivas e partidos, xogos de pistas e grupais, festa da auga, obradoiros de cociña, pintura, barro, papiroflexia e maquillaxe, actividades lúdicas, expresión oral e contos en galego, accións de animación á lectura, roteiros pola natureza, excursións por centros de interese da contorna e actividades en inglés.

Estas ludotecas darán o relevo, xa no mes de agosto, á mesma actividade no territorio de Cerdedo. Para esta segunda quenda, a inscrición, que dará preferencia aos cativos empadroados no municipio, permanece aberta ata o vindeiro 19 de xullo.