Cotobade acolle un proxecto piloto de compostaxe do Ministerio de Medio Ambiente

Cerdedo-Cotobade
25 de xaneiro 2017

Caroi, Corredoira e O Cádavo serán os primeiros núcleos de Cotobade neste plan. O programa de reducción de residuos "Dalle ao REC", incluído no Plan PIMA do ministerio, comezou a implantarse en Cerdedo o pasado ano

Compost
Compost / Xunta

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai comezar a estender o proxecto piloto de compostaxe de lixo "Dalle ao REC", desenvolvido no marco do Plan PIMA do Ministerio de Medio Ambiente, ás parroquias de Cotobade despois de que arrancara con éxito en Cerdedo durante o pasado ano. Así, ademais do territorio cerdedense, este plan vai implantarse de inmediato nos núcleos de Caroi, Corredoira e O Cádavo como primeiro paso ata chegar a todo o municipio.

O obxectivo deste plan pasa por reducir a produción de residuos nos fogares e favorecer a protección do medio ambiente, xa que se os resultados son óptimos no futuro poderían chegar a eliminarse os contenedores de lixo orgánico, que é o que máis pesa e que supón arredor do 40% dos residuos do municipio.

Así, reduciríase a cantidade de toneladas enviadas a Sogama, o que suporía non só un beneficio medioambiental, senón tamén económico ao diminuír a factura municipal a esta sociedade e, porén, a taxa municipal de lixo que pagan os veciños.

"Se os resultados son óptimos no futuro poderían chegar a eliminarse os contenedores de lixo orgánico"

As familias participantes, un total de 150 en todo o concello nesta iniciativa piloto, recibirán un cubo para almacenar os restos de comida na cociña, un composteiro, un aireador, un manual e un imán identificativo como guía. Todos os participantes deberán asistir a unha charla de formación na que se lles explicará o proxecto e se lles aconsellará sobre como realizar con facilidade a compostaxe no fogar. Así mesmo, contarán con servizos de recollida e biotrituración a domicilio, para o cal se lles proporcionará o material estruturante necesario para misturar cos seus restos de comida.

Os participantes serán asesorados durante todo o proceso e faraselles un seguimento trimestral para comprobar o funcionamento do composteiro, correxir posibles malas prácticas e comprobar os resultados, xa que se leva un control numérico da reducción de residuos e se publican os resultados globais na páxina web do concello.

O presidente, Jorge Cubela, considera que este proxecto "é de gran importancia para defender o medio ambiente, algo fundamental nun territorio tan valioso coma o noso, e para tratar de reducir gastos municipais e impostos".

Ademais, indicou que a estensión do mesmo a Cotobade "forma parte da esencia mesma pola que se acometeu a fusión, que consiste en unificar os servizos e os proxectos bos de cada concello para xenerar sinerxias favorables aos cidadáns e aumentar a súa calidade de vida en todos os eidos". Neste senso, reclamou certa paciencia, xa que a unificación completa dos dous concellos e de todos os seus servizos irase vendo paulatinamente ao longo de todo o ano.