Cotobade acolle a "reflexión" de Sonia Tourón contra a lacra das violencias machistas

Cerdedo-Cotobade
18 de decembro 2017

O IES de Cotobade acolleu este luns á terceira intervención artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade

Performance de Sonia Tourón contra a lacra das violencias machistas
Performance de Sonia Tourón contra a lacra das violencias machistas / Deputación de Pontevedra

O IES de Cotobade acolleu este luns a terceira intervención artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

No acto, ao que acudiron preto dun centenar de mozos do IES de Cotobade, a deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, lembrou ás 52 mulleres asasinadas durante este 2017 e nomeounas unha a unha para "remover conciencias e para que no as esquezades".

A deputada provincial, acompañada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, tamén subliñou que "estamos ante un problema gravísimo que temos que solucionar canto antes, pois dende o 2003 levamos 900 mulleres asasinadas e isto non o podemos consentir".

A protagonista da acción artística foi a pontevedresa Sonia Tourón, que fixo reflexionar ao público coa súa performance "Meu querido trampantollo".

Con esta actuación estableceu un diálogo íntimo entre a muller e o home que a maltrata empregando o concepto do "trampantollo", que significa "trampa ante o ollo" e é un artificio ou ilusión co que se engana a alguén facéndolle ver o que non é.