O PP perdeu en 2015 a Deputación de Pontevedra, pero a institución provincial segue tendo protagonismo na apertura do curso político do partido a nivel nacional. Desde o ano 2007 o acto celebrouse ininterrompidamente no Castelo de Soutomaior, pero este ano rompeu a conta ao impedir o novo goberno provincial de PSOE e BNG que o recinto que xestionan se utilice para actos políticos. A controvertida decisión obrigou a buscar unha nova localización, a carballeira de San Xusto de Cotobade, e este sábado serviu de arma arreboladiza para que os 'populares' criticasen a xestión do executivo que preside a socialista Carmela Silva.
"Chegaron á Deputación dicindo que ían abrir portas e ventanas e van pasar á historia por un primeiro ano de goberno no que non abriron unha soa ventana e pecharon todo un castelo", criticou o presidente provincial do partido, Alfonso Rueda, na súa intervención en San Xusto.
O alcalde anfitrión de Cotobade, Jorge Cubela, xa abrira o acto amosando o seu orgullo por poder sustituir a Soutomaior nestas lides e criticando a actitude da Deputación, pero se alguén foi especialmente duro coa decisión foi o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, que enviou todo o seu cariño para Soutomaior e recordou que en España ata a Democracia estiveron ilegalizados os partidos políticos e agora ao PP "parece que nos ilegalizaron en Soutomaior" e que o fixo "un partido en teoría democrático".
Fronte a esa actitude, erixiu a carballeira de San Xusto como "símbolo de unión para Galicia e para España", pero realizou unha interpretación sorprendente ao asegurar que o Concello de Cotobade acollía este encontro "por primeira vez e por última". Despois da sorpresa inicial polo anuncio, aclarou o motivo cargado de eloxios polo que facía tal afirmación, que o ano que vén Cotobade estará fusionado con Cercedo, de modo que, se o enclave se repite, xa será un concello novo que se chamará Cerdedo Cotobade.
Aproveitou Feijóo para eloxiar aos alcaldes dos dous municipios, Jorge Cubela e Xosé Balseiros, por dar "unha mensaxe a todos os galegos e españois" ao apostar pola fusión, "que non é outra cousa que apostar pola futuro e garantir que estarán aquí dentro de 100 anos".
As referencias ao novo escenario tamén estiveron presentes no discurso do presidente do Goberno en funcións e líder do PP, Mariano Rajoy, que recordou que "nos echaron de Soutomaior, pero nos queda el recuerdo, eso no nos lo pueden quitar". A pesar de que se amosa seguro de que "pronto, si queremos, volveremos allí", insistiu en que "en cualquier caso, ganamos esta carballeira" que está "convencido" de que "será origen de muchas alegrías para nuestro partido".
O acto tivo moita carga de política nacional ao anunciar Rajoy a súa confianza en que "podamos cerrar pronto un acuerdo" con Ciudadanos e Coalición Canaria para que o apoien na súa investidura e apelar, unha vez máis, á responsabilidade do PSOE para non seguir bloqueando a creación do novo executivo, se houbo un protagonista indiscutible foron as eleccións autonómicas do 25 de setembro. Rajoy desfíxose en eloxios cara a Feijóo e o seu proxecto político, que "ofrece a los gallegos una Galicia estable, moderada y dinámica", e o presidente galego pediu a axuda dos seus para gañar os comicios e evitar na comunidade "los líos internos que tiene cada partido que conforma el lío del multipartito".