O programa municipal 'A memoria das mulleres' acaba de rematar o traballo de investigación 'Léxico de costureiras' que rescata palabras, expresións e mesmo coñecementos que están a piques de perderse por mor da desaparición da práctica da costura nos domicilios, tal e como se realizaba case ata finais do século pasado.
Costureiras de Lérez, Mourente e Santa María de Xeve fixeron posible este traballo de recollida e documentación, realizado por María Abelleira Fontán, Xiana Iglesias Villaverde e Óscar Senra Gómez.
Este traballo tivo a súa orixe nunha investigación anterior no mesmo programa da Concellaría de Memoria Histórica, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda. Nese traballo previo participou un grupo de costureiras de Lérez e púxose de manifesto que moitos dos termos que utilizaban cando falaban entre elas son xa descoñecidos na sociedade actual.
Para facelo posible, os investigadores traballaron en grupos e de xeito individual e realizaron xuntanzas e entrevistas con costureiras de Lérez, Mourente e Xeve que lles permitiu rescatar a denominación de utensilios, tipos de tecidos, prácticas máis comúns e, mesmo, o nome das pezas que conforman as distintas prendas.
Este traballo supón, ademais, unha homenaxe á dedicación e profesionalidade das mulleres que se dedicaban ao oficio da costura, un deses traballos tan feminizados como invisibilizados. A maioría das costureiras aprendían xa de nenas e comezaban a traballar desde idades moi temperás e, na maioría dos casos, desde os seus propios domicilios.
A práctica da costura desde a casa particular quedaba á marxe de horarios e dereitos laborais, e non adoitaba ser unha práctica exclusiva senón que se compatibilizaba con outros traballos relativos á crianza de fillos e fillas e á tarefas do fogar.
Aínda que cara finais de século algunhas chegaron a empregarse en talleres con condicións laborais bastante precarias, a presenza das grandes industrias do téxtil supuxo un cambio drástico na forma de consumo que deixou obsoleta a práctica da costura desde as casas.
'Léxico de costureiras' non só recolle o vocabulario dun oficio, senón que tamén documenta as condicións de vida dun tempo (a través das formas de vestir e os traballos que implicaban) xa practicamente descoñecido para as xeracións máis novas.
Este traballo segue a filosofía do programa 'A memoria das Mulleres' e contribúe á construción dun fondo documental co que favorecer o coñecemento e difusión da historia, desde distintos ámbitos, das mulleres en Pontevedra.