Tras as idas e vindas co paseo a Marín, Costas volveu a poñerse ao choio e barallan dúas alternativas para completar esta actuación entre Mollavao e Os Praceres. Así o desvelou este martes o edil responsable da área de infraestruturas, César Mosquera.
"Están a dar pasos a moi bo ritmo", recoñeceu Mosquera, que celebrou que o departamento dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica cumprira co seu compromiso de buscar a forma de desbloquear o segundo tramo deste paseo.
A alternativa "que máis gusta en Costas", segundo explicou o concelleiro pontevedrés, é desprazar a actual autovía a Marín cara a dentro, aproveitando os preto de 6 metros que hai entre o actual vial e o peche da factoría que Ence ten en Lourizán.
Isto iría acompañado ademais dunha actuación para elevar a cota da autovía para evitar as inundacións que, de maneira puntual, se producen nela cando coinciden choivas intensas e a pleamar, inutilizándola para a circulación de vehículos.
Esta solución tamén permitiría que o paseo, que conectaría posteriormente coa pasarela das mariscadoras, puidese ter un ancho maior ao previsto, que era de 2,5 metros, podendo chegar ata un máximo de catro metros.
Costas negociará co Ministerio de Transportes poder executar este alternativa pero, ao mesmo tempo, traballa nun plan B que supoñería "morder a autovía todo o que se poida" e apoiar sobre o mar só unha parte do paseo, en lugar de todo o seu trazado.
O goberno municipal, segundo adiantou César Mosquera, coincide con Costas na súa preferencia pola primeira destas dúas alternativas porque "resolvería dous problemas", o remate do paseo e as inundacións na autovía, aínda que entende que será máis custosa.