Cosplay, e-Sports e arte friki danse cita esta fin de semana no Pavillón da Raña

Marín
06 de novembro 2023

Os concelleiros Antonio Caíña e Hugo González presentaron o evento xunto cos representantes de Gaming Troop  

Presentación da terceira edición do Marín Gaming Fest
Presentación da terceira edición do Marín Gaming Fest / Concello de Marín

Os videoxogos e todo o imaxinario que os rodea daranse cita esta fin de semana no Pavillón da Raña, coa celebración da terceira edición do Marín Gaming Fest, un evento para os "frikis" deste mundo, que cada vez arrastra a máis persoas e que une tecnoloxía, destreza, arte, historia, creación audiovisual e moitas disciplinas máis.

Os concelleiros Antonio Caíña e Hugo González presentaron a nova edición cos representantes de Gaming Troop, que xa teñen practicamente a programación pechada para dous días de plena actividade gamer na instalación deportiva marinense.

Algúns dos xogos que se poderán desfrutar no evento, como o League of Legends, xa rematou a súa prefase online e seguirá coa presencial no evento, con 10 equipos anotados, o que supón 50 persoas xogando in situ en Marín.

Outro dos grandes atractivos é o torno de Smash Bros, para o que ata o momento hai 42 persoas inscritas que veñen non só de distintas partes de Galicia, senón tamén de Asturias, Castela e León ou o País Vasco.

Haberá outros torneos ao longo da fin de semana aos que se pode apuntar libremente quen queira e asista ao evento, como de Mario Kart 8, EA Sports FC24 (o antigo FIFA), o Rocket League, Tekken 7, Street Fighter 6 e TeamFight Tactics. Todos estes torneos teñen premio e haberá xogo libre para aqueles que prefiran non competir. Os de Magic serán o sábado e domingo, con partidas libres e iniciación para todo o mundo interesado.

XOGOS DE MESA, ARTISTAS E COSPLAY

Outro dos atractivos do Marín Gaming Fest é toda a programación paralela aos torneos, como o mercadiño de artistas, ao que se anotaron 21, ou unha zona de xogos de mesa que terá unha programación moi variada, destacando a presenza de creadores locais, que ensinarán os seus xogos aos participantes.

Ademais, haberá clases de iniciación e demostración de partidos de Jugger, unha disciplina de equipo creada en Alemania basada na película 'La sangre de los héroes', e que combina elementos de rugby e esgrima.

O sábado ás 16.00 horas, o talento local vaimo poñer Belén Diz, que dará un obradoiro de retrato a bolígrafo, e tamén haberá charlas de autopublicación por parte das artistas Laprislázuli e Anaguchi.

O domingo, o cosplay será protagonista con un concurso, que aínda ten a inscrición aberta, e tres charlas relacionadas con este tema impartidas polas propias xuízas do concurso.